Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre un home no lume nun barranco en Manises (Valencia)

Morre un home no lume nun barranco en Manises (Valencia)

Na Vall d'Uixó (Castelló) rexistráronse seis feridos noutro incendio que obrigou a desaloxar varias localidades

En Barcelona, Granada, León e Cáceres houbo que confinar ou desaloxar outras poboacións

Evolucionan favorablemente os lumes en Teruel, Córdoba, Guadalaxara e Huelva

Un bombeiro refresca a zona afectada en Manises. Manuel Bruque/EFE Un bombeiro refresca a zona afectada en Manises. Manuel Bruque/EFE
G24.gal 25/07/2026 21:38

Un home faleceu no incendio declarado este sábado nunha zona de barranco do municipio de Manises (Valencia). Outras cinco persoas foron trasladadas ao hospital na localidade valenciana por inhalación de fume e queimaduras. Tres recibiron xa a alta e dous permanecen en observación. O fogo está estabilizado.

Na Vall d'Uixò (Castelló) seis persoas foron atendidas por outro incendio forestal. Tres permanecen ingresadas por inhalación de fume no hospital de La Plana. Ata o momento, este lume obrigou a desaloxar unhas 6.000 persoas de 16 municipios, ademais dalgunhas vivendas rústicas.

Un helicóptero traballa no incendio da Vall d'Uixò. Manuel Bruque/EFE Un helicóptero traballa no incendio da Vall d'Uixò. Manuel Bruque/EFE

Situación doutros lumes en España

En León, o CECOPI acordou desaloxar os vinte veciños de Murias de Ponjos por un incendio que afecta o seu termo municipal, mentres en Cáceres, o INFOEX decretou a evacuación dun campamento con 16 menores próximo ao Mosteiro de Yuste.

En Cubelles (Barcelona), os Bombeiros da Generalitat deron por estabilizado un incendio forestal que obrigou a confinar máis de 2.500 veciños en varias urbanizacións e núcleos de poboación dos arredores.

Entre tanto, o servizo de extinción de incendios de Andalucía, Infoca, estabilizou os lumes que estaban activos en Cerro Muriano (Córdoba) e Pinos del Valle (Granada), ademáis de controlar o fogo en Alosno (Huelva). 

O Goberno de Aragón, pola súa banda, rebaixou o nivel de emerxencia do incendio forestal de Ejulve (Teruel). Está previsto que quede estabilizado nas próximas horas.

En Guadalaxara, o Infocam levantou a evacuación en dous municipios (Prádena de Atienza e Gascueña de Bornova) que foran desaloxados polo lume de La Mierla, mentres se manteñen desaloxadas outras dúas localidades (Aldeanueva de Atienza e El Ordial). Este incendio forestal declarouse o pasado 16 de xullo e afectou a unhas 32.000 hectáreas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade