Publicador de contidos

Publicador de contidos

A UME unifica o mando para loitar contra os incendios de Madrid e de Ávila

A UME unifica o mando para loitar contra os incendios de Madrid e de Ávila

Sánchez visita a zona afectada na serra madrileña e asegura que a situación "segue a ser complexa"

A superficie queimada polos incendios no que vai de ano en España ascende a 125.937 hectáreas

Bombeiros no posto avanzado de Cenicientos (Madrid). EFE/Mariscal
G24.gal 25/07/2026 10:39 Última actualización 25/07/2026 13:52

Os incendios da Comunidade de Madrid e de Ávila, que calcinaron máis de 15.000 hectáreas e obrigaron a evacuar ou confinar unhas 63.000 persoas, comezarán a tratarse coma un só baixo o mando unificado da Unidade Militar de Emerxencias.

Anunciouno este sábado o responsable da UME nunha comparecencia co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, no posto de mando avanzado situado na localidade madrileña de Cenicientos. 

O xefe do Executivo, que visitou a zona afectada e asistíiu á reunión do Comité Estatal de Coordinación, asegurou que a prioridade é "salvagardar as vidas" da cidadanía e defender os núcleos de poboación.

"A nosa prioridade, o noso pensamento, o noso obxectivo está en salvagardar as vidas dos cidadáns, defender os núcleos poboacionais e finalmente en loitar contra os incendios", declarou.

Durante a súa comparecencia, dixo que a situación "segue a ser complexa" pola incerteza da dirección e a intensidade dos ventos, que nesta xornada poderían superar os 60 quilómetros por hora. 

Pedro Sánchez saúda a Isabel Díaz Ayuso. EFE/Mariscal Pedro Sánchez saúda a Isabel Díaz Ayuso. EFE/Mariscal

"Gañar tempo"

O xeneral xefe da Unidade Militar de Emerxencias, Francisco Javier Marcos, explicou que a decisión de crear un mando conxunto ten como obxectivo "gañar tempo", porque está previsto que ambos os dous lumes conflúan en San Martín de Valdeiglesias.

"É dicir, traballaremos non en dous sectores, o sector Madrid e o sector Ávila, senón traballaremos como un sector único, tratando esta catástrofe, tratando este incendio, coma un só. É a mellor forma de xestionar e de gañar tempo", subliñou.

Segundo explicou, a unificación "vai contribuír sen dúbida á eficacia, na xestión, na coordinación e na axilidade de todas as decisións" que se adopten para loitar contra os incendios.

Vista aérea dos incendios dende o Sentinel2. EFE/Sentinel 2 Vista aérea dos incendios dende o Sentinel2. EFE/Sentinel 2

Os incendios de Madrid e Ávila

Os lumes que arestora permanecen activos en Ávila e na serra oeste da Comunidade de Madrid baixaron a súa intensidade, de acordo coa última actualización do Ministerio do Interior.

Durante a noite, avanzaron moi pouco grazas á mellora das condicións meteorolóxicas, con menos vento e temperatura e maior humidade, o que favoreceu a loita contra os múltiples focos activos.

O Goberno central xestiona a extinción destes incendios baixo o paraugas da emerxencia nacional.

O xefe da UME coa directora xeral de Protección Civil. EFE/Mariscal O xefe da UME coa directora xeral de Protección Civil. EFE/Mariscal

Superficie queimada en España

A superficie queimada polos incendios forestais excede xa as 125.937,66 hectáreas no que vai de 2026, segundo informa o Ministerio de Transición Ecolóxica este sábado.

Os datos contrastan coas 24.133,26 hectáreas arrasadas entre o 1 de xaneiro e o 25 de xullo do pasado ano. A cifra é provisional pero xa quintuplica o rexistro anterior.

De acordo co cómputo oficial, a estas alturas xa se rexistraron 32 grandes incendios forestais, fronte a unha media de 9 no mesmo período da última década. 

Evacuacións en Cadalso de los Vídrios. EFE/Mariscal Evacuacións en Cadalso de los Vídrios. EFE/Mariscal

Non permanecer ao aire libre

A ministra de Sanidade, Mónica García, pediu non permanecer no exterior pola mala calidade do aire, con presenza de partículas contaminantes suspendidas cun diámetro menor a 2,5 micras, por mor dos incendios.

Na súa conta da rede social X , asegura que estes valores están "moi por riba dos recomendados pola Organización Mundial da Saúde" e pide utilizar máscaras FFP2/95 e lentes para protexer os ollos nas zonas próximas aos lumes.

Do mesmo xeito, aconsella buscar atención sanitaria se hai problemas para respirar, dor no peito ou falta de aire; reducir as viaxes innecesaria e permanecer en interiores, coas portas e fiestras pechadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade