Cortes de tráfico ata xaneiro na A-54 por obras de reparación en Guntín
Os traballos, cun orzamento de 1,4 millóns, son entre os quilómetros 13 e 21 sentido Lugo
No tramo afectado habilitarase a calzada contraria con circulación nos dous sentidos
Os traballos son para arranxar os danos causados polos temporais do inverno pasado
A circulación pola autovía A-54 verase afectada desde este luns e ata o mes de xaneiro polos traballos de reparación de dous noiros danados durante as borrascas de final de 2025 e inicios deste ano á altura do municipio lucense de Guntín.
En concreto, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible destina un orzamento de 1,4 millóns nestas intervencións, unha no quilómetro 13,9 e outra no 20,2, en ambos os casos na marxe esquerda da vía, sentido Lugo.
Para executar os traballos, produciranse afectacións ao tráfico durante algúns meses desde a contorna do quilómetro 13,5 ata o 21,3. En concreto, desde este luns e ata o 18 de decembro producirase o corte da autovía A-54, na calzada esquerda, dos puntos quilométricos 19,3 ao 21,28.
Así mesmo, desde o 2 de novembro e ata o venres 29 de xaneiro, pola súa banda, producirase o corte da autovía, na calzada esquerda, dos puntos quilométricos 12,5 ao 17. Durante as obras, habilitaranse itinerarios alternativos pola calzada contraria, a de sentido Santiago.