Toledo únese á emerxencia nacional polos incendios nun día complicado
A UME crea un mando único para facer fronte aos lumes de Madrid e de Ávila
Hai case 90.000 persoas afectadas e máis de 45.000 hectáreas calcinadas
O posto avanzado tivo que se trasladar a Navalcarnero tras a evacuación de Cenicientos
Os incendios de Madrid e de Ávila avanzan cara á provincia de Toledo, incluída este sábado na declaración de emerxencia nacional para asegurar a máxima eficacia na coordinación dos recursos dipoñibles.
Polo momento, estes lumes calcinaron máis de 45.000 hectáreas e obrigaron a evacuar ou confinar unhas 90.000 persoas. O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, asegurou que as previsións "non son optimistas".
Tras presidir en Navaluenga (Ávila) a reunión do Comité de Coordinación e Dirección do Plan Estatal de Emerxencias (CECOD), no posto de mando avanzado, recoñeceu que "non foi un día positivo", cunhas condicións meteorolóxicas "absolutamente difíciles".
"Mañá as condicións serán un pouco mellores pero non as que nos gustarían, polo que a situación é complexa".
Nunha comparecencia ante a prensa, acompañado polo presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, pediulle á poboación que siga as instrucións das autoridades e non poña en risco as súas vidas.
Desaloxos en Toledo
A evolución do incendio de Burgohondo (Ávila) obrigou a evacuar nas últimas horas oito pobos do norte da provincia de Toledo, que se suman aos tres desaloxados ao longo da tarde.
En concreto, os municipios afectados son Buenaventura, Navamorcuende, El Real de San Vicente, Hinojosa, Castillo de Bayuela, Garciotum, Nuño Gómez, Pelahustán, Sartajada, Almendral de la Cañada e La Iglesuela do Tiétar.
De acordo cos últimos datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, os incendios de Madrid e de Ávila abarcan un perímetro superior aos 200 quilómetros.
Fumareda en Sotillo de la Adrada (Ávila). EFE/Daniel Caballo
Case 90.000 persoas afectadas
Durante toda a xornada, ambos os dous lumes continuaron o seu avance sen control. Segundo fontes do Ministerio do Interior, nestes momentos hai máis de 88.600 persoas afectadas.
Na Comunidade de Madrid, as autoridades evacuaron 29.488 habitantes e confinaron 21.132. En Ávila, os desaloxos afectan 30.000 persoas e outras 8.000 deben permanecer pechadas na casa.
A Unidade Militar de Emerxencias decidiu crear este sábado un mando único para facer fronte a ambos os dous lumes, que poderían xuntarse á altura de San Martín de Valdeiglesias e leva arrasadas máis de 45.000 hectáreas.
O posto avanzado, que estaba situado a primeira hora na localidade de Cenicientos, tivo que se trasladar pola tarde a Navalcarnero tras a orde de evacuación do lugar.
Bombeiros na serra oeste de Madrid. EFE/Aena
Despregadura
O Goberno central despregou 1.201 efectivos e 400 medios terrestres da UME, unha vintena de medios aéreos, 110 membros de Protección Civil, 220 axentes da Policía Nacional e 1.100 da Garda Civil.
Ás 20:00 horas, había once estradas cortadas en Ávila e outras sete en Madrid. Ante a proximidade das lapas, o concello de Talavera de la Reina (Toledo) puxo os pavillóns municipais ao dispor das persoas evacuadas polo lume, que xa alcanza o Val do Tiétar.
Sánchez visita a zona afectada en Ávila
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, desprazarase este domingo á zona afectada polos incendios forestais de Ávila, segundo indicou Moncloa nun comunicado.
O xefe do Executivo estará acompañado polo presidente da Xunta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, e o delegado do Goberno na comunidade, Nicanor Sen.
No posto de mando avanzado, situado en Navaluenga, reunirase cos equipos que coordinan a emerxencia. Sánchez estivo este sábado na localidade de Cenicientos (Madrid) para seguir a evolución do lume na serra madrileña.
Persoas evacuadas en Alcalá de Henares. EFE/Fernando Villar