Comeza a restauración da capela dos Ollos Grandes, a máis importante e visitada da Catedral de Lugo
Vanse recuperar os elementos arquitectónicos desta xoia do barroco galego, así como o baldaquino e a talla da Virxe
É a actuación máis importante que se leva a cabo na capela nos últimos 50 anos
Desde hai uns días a capela da Virxe dos Ollos Grandes da catedral de Lugo está pechada ao público. Comezaron os traballos para restaurar esta xoia do barroco galego.
"Instalamos unha estada de máis dun quilómetro por toda a capela", di a restauradora Vania López.
É a obra máis importante que se executa na capela nos últimos 50 anos. Vanse recuperar os elementos arquitectónicos, o baldaquino e a imaxe da Virxe.
Segue a sorprenderme o traballo tan minucioso que hai na capela, cos poucos medios que tiñan e a esa altura, máis de 20 metros", engade Vania López.
A capela foi construída por Fernando de Casas, autor tamén da fachada do Obradoiro. Hai 300 anos que se colocaba a primeira pedra grazas ás achegas dos fieis, os mesmos que hoxe farán posible a súa restauración.
"Quixemos facelo da mesma forma que se fixo a obra, abrindo as portas para que calquera lucense poida sentirse parte", explica o bispo da diócese de Lugo, Alfonso Carrasco.
Os traballos contan cun orzamento de 500.000 euros e as obras realizaranse en dez meses.