Polémica polas obras na Catedral de Lugo
Os traballos pola instalación de novos altofalantes no interior do templo provoca as protestas dos visitantes
Os traballos acometidos para a instalación dun novo sistema de megafonía na Catedral de Lugo están provocando un debate entre os veciños e visitantes, xa que varios deles consideran que o impacto visual e material na propia pedra do templo non respecta o carácter histórico e momumental desta xoia románica.
"É un atentado contra o patriomonio, porque nin a cor, nin as formas nin o xeito. Hai corenta fórmulas para atar uns altofalantes sen furar", comenta un dos visitantes.
Para outros a modernización da instalación do son no interior do templo é necesaria para facilitar a accesibilidade das persoas con dificultades auditivas.
"Penso que non é tan negativo, porque persoas que están perdendo a súa audición queren estar nestes lugares", comenta outro dos visitantes do lugar.
Segundo diversas informacións, o propio Bispado de Lugo asegurou que os traballos desenvolvidos contaban cos permisos da Xunta, que acaba de determinar unha serie de pautas para reverter os posibles danos ocasionados. Cómpre lembrar que a catedral de Lugo ten consideración de Ben de Interese Cultural e no 2015 foi declarada Patrimonio Mundial da Humanidade pola Unesco.