Batalla campal entre dúas familias xitanas do poboado do Vao á volta dunha voda
Dous policías, feridos na pelexa dunhas setenta persoas a golpes, con paus, pedras e armas brancas
O detonante foi "un intercambio de palabras" que mantiveran dous mozos durante o baile: "Son todos primos"
Recibimento frío, ao contrario que os ánimos, que seguen quentes.
"Creades alarma social e aquí non pasou nada. Se falamos, empeoramos as cousas coa outra familia".
Nada máis baixar do coche vemos un mozo cun golpe grande no nariz e a ventá dunha casa completamente esnaquizada. Ten pinta de que son efectos directos da batalla campal que libraron as dúas familias.
"Estiveron nunha voda e non pasou gran cousa. Segundo a información que teño, estaban un pouco bébedos e dous mozos tiveron unhas palabras e porfiáronse", explica Miguel Casal, o fillo do patriarca do Vao de Arriba.
Volvían da voda dunha parella do propio poboado, con todo o cerimonial propio dos xitanos. Celebrárano na Casa Cultural de Marcón, no local social.
"Pídeselle un alugueiro e unha fianza por se hai estragos, pero aquí non houbo nada. Quedou todo ben", confirma Manuel Santiago, vogal da Comunidade de Montes de Marcón, propietarios do local.
Convidados da voda confirman que no local non percibiron tensións, que foi un día bonito, de cante e baile, cuns 200 participantes, pero aquel intercambio de palabras entre os dous mozos quedou sen saldar e, de volta no poboado, prendeu a mecha.
"Ao acabar a voda, viñeron para o poboado 'porfiaron' aí. Ao saír un sae outro, e sae outro e, coma sempre, amoreáronse uns cuantos. Se vai saltar unha familia, ten que saltar a outra", xustifica Casal.
O atestado da Garda Civil confirma unha auténtica batalla campal entre unhas setenta persoas que andaron a golpes, con puños, pedras, paus e armas brancas.
"Foi entre primos, familiares todos. Coma aquí, que somos primos e tíos, abaixo tamén", aclara o fillo do patriarca.
Dous policías nacionais resultaron feridos. Entre os participantes imponse a lei do silencio, nin partes de lesións nin tampouco denuncias. Son cousas que se resolven en familia.