Afeccionados á horticultura e á xardinería xúntanse na Feira de Cultivos do Baixo Miño
A feira celebrouse con dúas semanas de atraso por causas meteorolóxicas
Nesta edición houbo unha ducia de cursos e obradoiros
Con dúas semanas de atraso debido ao mal tempo, volveu a Feira de Cultivos do Baixo Miño.
"Temos un montón de postos de artesanía, pero, sobre todo, o produto estrela son as plantas. Aquí somos produtores por excelencia de planta de todo tipo", explica Nuria Castro, presidenta de acuBam, organizadora da feira.
Quizais porque a estas alturas xa están as hortas postas, os compradores buscaban variedades con flor para adornar os xardíns e as terrazas.
"Creo que é un eucalipto, pero non é do que arrincan, este é de xardín"."Precioso, encántanme as plantas. Tráigoa aquí para que se recree con todo isto. Para relaxarnos". "Non a coñecía, vina en Instagram e vimos desde Portugal ata aquí", contan varios compradores.
"O que máis se vende, vai por modas, a lavanda, o eucalipto para adornos, as dalias. Volvemos ás flores antigas como a flor de papel, os pendentes da raíña", dilucida unha vendedora.
A feira é unha cita importante para os produtores de planta e para os afeccionados á xardinería e á horticultura.
"Polo que máis pregunta o público é por plantas aromáticas, por produtos ecolóxicos, como os abellóns, porque todo o mundo está bastante concienciado de non utilizar tanto fitosanitario", precisa un vendedor.
Nesta edición, organizáronse máis de trinta actividades paralelas. Entre elas, cursos e obradoiros onde aprender técnicas innovadoras para cultivar e coidar as plantas.