O Posío reabre tras 16 meses de obras e un investimento de case tres millóns
A reforma do xardín ampliou as zonas infantís e os espazos de paseo, aínda que a corta de árbores durante os traballos segue xerando críticas
O Xardín do Posío de Ourense reabriu as súas portas tras permanecer pechado durante case ano e medio das obras de reforma. A reapertura espertou unha grande expectación entre os ourensáns, que acudiron ao emblemático parque para coñecer o resultado dos traballos.
"Isto estaba desfeito, nas randeeiras afundíanse as madeiras, estaban rotas... As árbores tiñan as cortizas podridas, e agora está marabilloso", afirmaba unha veciña de Ourense.
Entre as melloras realizadas figuran o saneamento do muro, a instalación de novas xardineiras con arredor de 600 plantas, a limpeza da escalinata, o repintado das pérgolas e da paxareira, así como a ampliación das zonas de xogo infantil e dos espazos de paseo.
Un dos cambios máis visibles é a ampliación do paseo central. Con todo, a reforma tamén estivo marcada pola polémica da corta de varias árbores de gran tamaño, unha decisión que provocou as mobilizacións veciñais ao considerar que o histórico xardín botánico perdía parte da súa identidade.
"Árbores sas e que tiñan máis de 20 anos e 30 metros de altura que aportaban moito CO2 desta cidade e moita sombra. Tamén aportaban verde, que hoxe as árbores novas van a tardar moitos anos", comentaba Miguel Ángel Blanco, veciño que secundou as protestas polas cortas.
Outra das novidades é a remodelación integral de cafetería, que contará cun espazo máis amplo una vez ente en funcinamento.
O Concello prevé adxudicar a concesión do establecemento nos próximo tres meses. Mentres, os ourensáns xa poden volver gozar dun dos espazos verdes máis emblemáticos da cidade.