Milleiros de flores para a Virxe de Fátima, na véspera da procesión
Hoxe é o día das nais, que ofrecen flores polos seus fillos
A procesión será o mércores á noite, con fachós para acompañar a Virxe
Día de ringleiras no populoso barrio ourensán do Couto, malia á incomodidade da chuvia.
"Eu traio unhas flores porque faleceu a miña muller e téñolle moita devoción á Virxe de Fátima", di un home.
Antes de chegar á igrexa, xa tiveron que agardar vez nas florerías. Non hai data no Couto comparable á de Fátima en todo o resto do ano.
"É un día moi bo, estamos a tope con Fátima", asegura Sara Osorio, que ten unha florería ao lado da igrexa.
As flores son para a Virxe, que procesiona nunha carroza envolta en caraveis, rosas e gladíolos. Milleiros de flores que van chegando á igrexa ao longo da novena pero, sobre todo, o último día, o das nais, que ofrecen as flores polos seus fillos.
"As brancas representan os vivos. As vermellas son para os defuntos". "Eu traio polas fillas, os netos e os xenros", explican dúas mulleres que levan flores.
Todas as flores pasan por unha mesa onde un cento de veciños, fieis tamén da Virxe, se van turnando para clasificalas.
"Colocámolas para que mañá as teñan listas para facer a carroza". "As calas coas calas, os caraveis e as rosas por cores, as varas de San Xosé... para poñelas na carroza". "Entran moitísimas flores, para adornar a carroza, que leva moitísimas flores e para adornar as igrexas", comentan os organizadores.
Agora só agardan que a chuvia lles permita participar na procesión máis multitudinaria da provincia.
César González, copárroco de Fátima: "Esta devoción empezou levando a imaxe da Virxe por todos as vilas de Ourense, así que é representativa de todos os ourensáns".
Unha procesión nocturna, que se celebra á luz das candeas e que culmina na catedral, para regresar de novo á igrexa do Couto.