Publicador de contidos

Publicador de contidos

Flores de Galicia e plantas ornamentais cultivadas chegan a novos mercados internacionais

Flores de Galicia e plantas ornamentais cultivadas chegan a novos mercados internacionais

Da terra fértil do Baixo Miño sae parte da produción da empresa Velareza

O grupo cultiva flor cortada e planta ornamental en Galicia, tamén xestiona a rede loxística e a expansión internacional, que marcan o seu modelo de negocio

Impulsada pola expansión e o crecemento da produción propia , a compañía galega márcase como obxectivo acadar os 100 millóns de euros de facturación no ano 2029

G24.gal 07/06/2026 14:40

Da terra fértil do Baixo Miño sae parte da produción de Velareza. O grupo non só cultiva flor cortada e planta ornamental en Galicia, tamén está presente noutros lugares, como Andalucía, Portugal e Colombia. A produción propia en distintas localizacións, a xestión da rede loxística e a expansión internacional marcan o seu modelo de negocio. 

"Queremos pechar a cadea. A cadea de produción, desde a orixe, co control xenético, o control das variedades buscando as mellores xenéticas a nivel mundial en todos os continentes e pechar o ciclo da produción en base a colocar no mercado o produto de máxima calidade", di José Collazo, director de produción e desenvolvemento de Veraleza.

Produto de calidade que cultivan en espazos coma este, en Tomiño. O grupo quere manter aquí unha parte importante da súa produción propia.

"Si, é onde a empresa naceu hai 40 anos e onde nos comprometemos co territorio para dar riqueza no rural en base ao que ten, en base a oportunidades que xorden para fortalecerse como un grupo que ofrece na cadea de produción planta producida en Galicia, flor producida en Galicia da máxima calidade dirixida aos mercados nacional e internacional, mercados da máxima esixencia", engade.

Nestes terreos producen cultivos tradicionais en Galicia e outros máis exóticos.

"Desde as plantas acidófilas, as hortensias, as azaleas, etcétera, non? Nesta empresa en concreto, neste viveiro cultívase un cultivo tropical un pouco distinto do resto, pero temos unhas condicións dunha humidade, un réxime de temperaturas idóneas para que en cultivos protexidos, como temos este invernadoiro que estamos a ver aquí, poidamos producir un anthurium, que é unha planta tropical, cunha floración preciosa, un colorido precioso todo o ano. Ou sexa, con investimentos en fotovoltaica, investimentos en xeotermia, investimentos importantes somos capaces a un custo bastante razoable, cun investimento inicial importante, mo importante, pero a un custo de produción que somos capaces de estar competindo todo o ano cun anthurium que nos chega do norte de de Europa, onde sabemos que é máis custoso pola enerxía, polo clima que ten máis temperaturas máis frías no inverno. Somos capaces de estar competindo con eles cun anthurium made in Galicia, Galicia Calidade en todos os mercados de España, Portugal e chegando fóra a Francia. Non máis porque xa competiriamos cos holandeses, que nos levan vantaxe por proximidade e o transporte é un hándicap en tema de custos, pero xa no sur de sur de Europa somos líderes nesta planta de anthurium", destaca.

O seu modelo de produción baséase na redución do estrés nas plantas e a aplicación de prácticas sustentables.

Ademais da produción propia, a compañía galega tamén coida o transporte da súa mercadoría, especialmente delicada. Dispón dunha rede loxística consolidada.

"O que queremos é facer unha un servizo ao cliente para facerlle fácil a compra, guialo, e reducir os tempos de entregas desde o campo directamente aos mercados. E para iso, esa proximidade, a aposta pola loxística propia", asevera.

Con este sistema de traballo, a compañía galega supera os 65 millóns de euros tras un ano récord e consolida a súa rede en máis dunha decena de mercados europeos.

Ese mercado europeo da flor cortada rexistrou en 2025 un incremento estimado de entre o 4 e o 6%, impulsado pola recuperación do consumo e a crecente demanda de produto premium.

As vendas do grupo esténdense, ademais, a outros continentes.

"Xa estamos incluso conquistando zonas lonxanas, por dicir, O Xapón, Corea, O Canadá, Os Estados Unidos. Somos capaces de, coa nosa produción de flor dirixida, coordinada desde aquí, desde Galicia, e na nosa finca de Colombia, podemos estar subministrando a mercados súper esixentes noutros continentes, non?" engade José Collazo.

Impulsada pola expansión internacional e o crecemento da produción propia , a compañía galega márcase como obxectivo acadar os 100 millóns de euros de facturación no ano 2029.

 

 

 

 

 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar