O agro cobra vida a través da Internet
Unha moza gandeira de Melide amosa nas redes sociais como é a súa vida na granxa
Publica vídeos do seu traballo e anima aos mozos a seguir no campo
Confesa que con vontade e apoio familiar superou os prexuízos dos que a criticaban por ser muller, gandeira e nova
Lucía Casal xa non é ningunha descoñecida para moitas persoas. Esta gandeira de Melide de 23 anos ten máis de sesenta mil seguidores nas redes sociais, onde ensina o seu traballo, aconsella e tamén aprende.
"Despois de gañar varios premios vinme obrigada a publicar vídeos. Vín que a xente lle interesaba e que lle estabamos dando valor o rural. Estamos ensinando que a vida no rural é bonita, entón ¿por qué non facelo?", conta Lucía Casal, gandeira e creadora de contidos nas redes.
Con estudos en materia forestal e gandeira, decidiu tomar a remuda na granxa dos seus avós, dedicada ao vacún de leite, e que seu pai, co que comparte a titularidade da mesma, mudou cara ao extensivo de carne.
Dende entón, mestura a atención á explotación, onde conta con 40 cabezas de rubia galega dentro da certificación Ternera Gallega, coa prestación de servizos con maquinaria agrícola.
"Isto vén por vocación. Meu avó xa era gandeiro, meu pai que está hoxe en día na sociedade conmigo é gandeiro. Así que decidín quedar malia que miña nai teña unha tenda de roupa. Pero eu nacín no rural, quero quedar no rural e quero un futuro no rural", confesa esta traballadora no agro.
Ser muller, nova e traballar nunha profesión tan dura coma o agro non llo puxo doado. Aínda lembra as críticas que recibiu por facer vídeos de animais ou simplemente por ser muller, pero a súa forza de vontade e o apoio familiar permitíronlle superar os obstáculos.
"Ao final hai que estar seguro do que se fai. Eu estou segura na gandeiría e non me importa, aínda que o teña que explicar cincuenta mil veces para que vexan que unha muller pode estar no rural", sentenza Lucía Casal.
Hoxe Lucía xa está inmersa nun proxecto de cebadoiro de destete para atender uns cinconcentos xatos e coa intención de continuar divulgando o seu traballo, unha tarefa que axuda a conseguir a remuda xeracional e a sustentabilidade económica no agro galego.