Dúas pragas de vermes e a seca arruinan o ecolabirinto da Casa Grande de Xanceda
Unhas dúas mil persoas visitan cada ano esta instalación
A Casa Grande de Xanceda leva 12 anos creando un ecolabirinto nunha plantación de millo como atracción para os visitantes. Son deseños feitos con agricultura de precisión. Un programa informático indícalle ao tractor onde ten que sementar e onde non para facer os camiños.
Este ano a experiencia íase repetir, cun novo deseño e cunha mensaxe sempre vencellada á vida no rural. Pero dous inimigos frustraron o proxecto, como relata Sara Torreiro, responsable de Márketing da Casa Grande de Xanceda. Explica que sufriron duas pragas de verme soldado e rosquiña que estragaron a plantación.
Na agricultura ecolóxica non está permitido usar herbicidas, pesticidas nin fertilizantes de síntese e o método utilizado para loitar contra as pragas non resultou eficaz por mor da seca.
Unhas dúas mil persoas visitan cada ano entre agosto e outubro o ecolabirinto ata que se recolle o cereal para alimentar as vacas. Unha aventura para grandes e pequenos que debían atopar o percorrido de saída. Haberá que agardar á próxima campaña para poder gozar da experiencia.
Pero a Casa Grande de Xanceda ofrece moitas outras actividades para gozar e aprender do rural, polo que a responsable de Marketing convida a todo o mundo a visitalos, especialemente cos cativos para que poida aprender dunha maneira lúdica e didáctica.