A Xunta prorroga as medidas preventivas ante a dermatose nodular contaxiosa
As actuacións estenderanse desde o 1 ata o 31 de maio, aínda que en Galicia non se detectou ningún caso
A Consellería do Medio Rural publicará este mércores unha nova resolución pola que se prorrogan e reforzan as medidas de prevención da dermatose nodular contaxiosa que afecta o gando bovino.
Así o recollerá este mércores o Diario Oficial de Galicia (DOG) e a decisión comezará desde o 1 ata o 31 de maio, ambos os incluídos, podéndose ampliar en función da evolución epidemiolóxica da enfermidade.
Segundo indicou a Xunta nun comunicado, a medida débese a que a análise do risco sanitario existente, que realizan os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería, aconsella manter por agora as medidas cautelares establecidas en Galicia, para continuar salvagardando e protexendo a cabana bovina.
Así, seguirán permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino con finalidade comercial só con asistencia de animais procedentes de explotacións galegas.
Ademais, os vehículos procedentes de fóra da comunidade que acudan a estes eventos deberán acceder ás instalacións baleiros, limpos, desinfectados e desinsectados.
En relación coa celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións, continuará sendo precisa a autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, no seu caso tamén con asistencia só de animais de explotacións galegas.
Tamén se mantén o período de vixilancia veterinaria oficial vixente, ampliado de 21 a 28 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino a vida-, desde a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade.
Todos os animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de forma cautelar durante o mesmo período de tempo. Unha inmobilización que afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.
Tamén segue sendo obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia, tanto para vida como para sacrificio, e, neste último caso, manténdose a posibilidade da súa entrada sempre que sexan trasladados directamente ao matadoiro.
Non hai casos en Galicia
A Consellería do Medio Rural enviou unha mensaxe de tranquilidade ao sector e á cidadanía, xa que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e tampouco se transmite ás persoas.
A Xunta segue reclamando ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) unha "maior implicación" do seu departamento e unha "estratexia clara de coordinación" entre todas as comunidades autónomas para o control eficaz desta enfermidade.