Vigo estrea as novenas ramplas mecánicas da cidade mentres constrúe máis elevadores públicos
Comezan a funcionar as cintas da rúa Pintor Colmeiro, cunha pendente do 10 %
A obra custou 2,5 millóns de euros que pagaron o Concello e a Deputación de Pontevedra
Foi un pequeno paso para Ángeles pero un salto para o barrio de Independencias. Esta veciña da zona foi a primeira cidadá en usar as novas ramplas mecánicas instaladas na rúa Pintor Colmeiro. Salvan unha pendente do dez por cento, con catro tramos de cintas que se estenden case 120 metros de lonxitude.
"É moi importante para a xente maior ou para nais con carriños, porque esta é unha pendente considerable", valora Ángeles mentres sobe polo primeiro treito das ramplas.
A obra, que incluíu tamén a reforma da rúa, custou uns dous millóns e medio de euros que pagaron o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Teñen, como outras ramplas que xa existen na cidade, unha cuberta acristalada que as protexe da choiva.
"Con 94 anos dime ti. Sempre o pedín. Da maneira que traballei de nova como unha salvaxe, agora isto é coser e cantar", di outra veciña da zona que acaba de estrear as ramplas para ir ao médico.
As ramplas cantarán dezaseis horas ao día, pero só funcionan cando o radar e o sensor que hai nas entradas detectan que se achega alguén. Teñen unha potencia de 4,5 KW e fabricáronas en Mieres, Asturias.
"Para ter unha referencia boa, a velocidade é a metade da cabina dun ascensor. As ramplas e as escaleiras van a 0,5 metros por segundo. Se fosen mais rápido a xente podería sair disparada", explica Juan Ramón Martínez, de TKE Elevators, a empresa que instala e mantén a maioría dos elevadores públicos de Vigo.
"Hai moita xente maior que queda na zona de abaixo. Estás ao lado pero cústalles bastante subir. E dicíanme: Se tivesemos a rampla, subiriamos. Pero así non podemos", asegura o dono da viñoteca Apex, xusto á saída dun dos tramos da rampla".
As de Pintor Colmeiro son as novenas ramplas mecánicas públicas que funcionan en Vigo. Hai además catro series de escaleiras e nove ascensores. E nestes momentos están en obras varias instalacións máis. O Concello asegura que, de media, 27.000 persoas utilizan algún destes elementos do programa Vigo Vertical.