Unha avaría deixa sen luz 3.000 usuarios de sete concellos do interior da Coruña
En Mesía o corte durou 17 horas e colleunos en plenas festas patronais
Provocou perdas nas cámaras frigoríficas e nos negocios da zona
Aos veciños de Mesía o apagamento colleunos en plenas festas patronais.
A orixe, segundo explicou Unión Fenosa Distribución, estaba no fallo dunha liña de media tensión de Cesuras que tamén afectou aos concellos de Frades, Oroso, Ordes, Abegondo e Carral. Máis de 3.000 usuarios, entre eles moitos bares e negocios que viron como as horas pasaban pero a luz non volvía.
Nun supermercado de Xanceda houbo que tirar todos os ultraconxelados, e noutro de Frades a peor parte levouna a neveira dos xeados.
Tampouco aguantan as vacas sen muxir tantas horas. Por iso moitas ganderías tiveron que tirar de xeradores para saír do paso.
A subministración está hoxe completamente restablecida, pero son moitas as voces que se queixan da falta de información durante o corte, das perdas ocasionadas e da lentitude coa que se resolveu a incidencia.