Publicador de contidos

Publicador de contidos

Novo mercado para a rubia galega en Andalucía

Novo mercado para a rubia galega en Andalucía

Un empresario sevillano comproulles unhas 40 cabezas de gando a varios criadores desta raza autóctona

Exemplares de rubia galega na granxa Finca Villadangos do Corgo
Félix Aragunde. Imaxe: Jorge Pereira. 09/06/2026 20:19 Última actualización 09/06/2026 21:47

A raza rubia galega suscita cada vez un maior interese fóra de Galicia. Boa proba é a compra, por parte dun empresario sevillano, dunhas 40 cabezas de gando a varios criadores. Entre eles figura José Antonio Ferreiro, que lle vendeu un lote de vacas da súa explotación de Sabarei, no Corgo.

"El buscaba sobre todo animais xestantes, cunhas condicións xenéticas moi boas", subliña José Antonio Ferreiro, criador de raza rubia galega

"É unha persoa que, á parte de ter gando, está pensando en abrir un restaurante dedicado ás carnes gourmet, entre elas a de rubia galega. Entón, con esa idea veu aquí, achegouse a varios gandeiros para mercarlles os seus animais, visitou as súas explotacións e adquiriu preto de 40 animais para levar para Sevilla", sinala Laura Arias, directora técnica de ACRUGA

Para os produtores de rubia galega, as operacións das últimas semanas supoñen un importante paso para implantación desta raza autóctona fóra de Galicia. Ademais, os prezos dos animais vivos seguen por riba dos 3.000 euros, coa previsión de que se sigan destinando novos lotes de gando ao mercado exterior.

"Para nós é algo fundamental. Valorámolo moito porque é unha apertura, unha porta máis ao exterior. Estamos dando o 'sorpasso', substituíndo outro tipo de razas, con todos os respectos a elas. É o caso deste home, que incorpora a rubia galega polo seu manexo, pola calidade da súa carne, polo seu instinto maternal... Son moitas características polas que a xente está incorporando estes animais ás súas granxas", afirma Ferreiro. 

"Que se interese por unha raza como a rubia galega quere dicir que algo se está facendo ben coa raza para que chegue ao outro extremo da Península e tamén a fóra", engade Arias.

A Asociación de Criadores de Rubia Galega conta actualmente cuns 1.300 socios. Entre todos, posúen xa preto de 40.000 cabezas de gando, cun valor total superior aos 120 millóns de euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade