Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia estrea a súa Escola de Pastores, iniciativa pioneira no agro do país

Galicia estrea a súa Escola de Pastores, iniciativa pioneira no agro do país

A iniciativa pretende loitar contra o despoboamento no medio rural e fomentar a remuda xeracional

Os participantes na Escola de Pastores visitaron o Ecoespazo do Rexo no seu primeiro día
G24.gal 12/03/2026 14:49

Botou a andar a primeira Escola de Pastores de Galicia, e faino na provincia de Ourense. José Manuel volveu hai ano e medio dende Andalucía a unha aldea de Rubiá, a terra do seu pai. É un dos novos alumnos. 

"É a única maneira de poder vivir aí que sexa mellorar o ecosistema e todo o que é a aldea, porque ten unha poboación de cinco persoas. Ter gando en extensivo é a única maneira de poder manter a contorna sen que haxa o problema dos incendios, porque aquí en Valdeorras este ano foi bastante forte", apunta José Manuel Blanco, alumno da Escola de Pastores.

Algúns dos alumnos contan con algo de experiencia, pero o curso busca profesionalizar o sector, é o que quere xente como Tania. 

"Eu xa levo un par de anos aprendendo parate do que realmente necesita unha gandeiría e aínda quédame moito máis para aprender. Teño moito aínda que aprender", di Tania Castiñeira, alumna.

Un dos obxectivos da escola é o de visibilizar o sector do ovino caprino en Galicia,

"Era un traballo duro, de moitas horas, con poucos recursos. Iso mudou e hoxe en día hai outros recursos dixitais como o valado virtual. Moitísimas opcións para que sexa un traballo un pouquiño máis cómodo e efectivamente a xente nova hai que atraela non ofrecéndolle traballar 24-7 como din eles Que teñan un traballo pois que lle permita tamén ter un pouquiño de liberdade e que sexa cómodo", explica Cristina Díaz Rodríguez, técnica de OVICA.

Os tempos cambian e tamén o xeito de traballar. Nas clases teóricas saberán das axudas dispoñibles, a xestión das leiras e o contacto cos veterinarios, por exemplo. As prácticas serán dende mediados de agosto ata finais de setembro en explotacións de Cualedro, Vilariño e Vilar de Barrio.

"Como xestionar os montes, como facer os peches para o seu gando, como recuperar terreo abandonado, como realmente vivir do que lles gusta que neste caso é a gandeiría extensiva. O que vai aprender é como tratar realmente os que son os pastores do século XXI como nos gusta chamarlle a nós, porque agora mesmo é un sector que está abandonado e eles van axudar moitísimo a recuperalo", relata Alejandro Castelos, docente no curso da Escola de Pastores.

Queren así loitar contra o despoboamento no medio rural e fomentar a remuda xeracional. O proxecto, que é gratuíto, consta de máis de cincocentas horas de formación teórica e práctica, e busca atraer fundamentalmente xente nova. A escola recibiu case o dobre de solicitudes que prazas dispoñibles, vinte e cinco en total.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade