Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha vaca rubia pare trixemelgos nunha granxa de Abadín

Unha vaca rubia pare trixemelgos nunha granxa de Abadín

O mesmo exemplar, de nove anos de idade, xa tivera xemelgos en dúas ocasións

Rubia deulle xa ao seu dono oito xatos en catro partos
Félix Aragunde. Imaxe: Afonso G. Novoa. 08/05/2026 13:46

Rubia, de nove anos, trouxo ao mundo un xato e dúas xatas. Fíxoo nunha explotación gandeira da parroquia de Corvite, no concello chairego de Abadín. Polo volume da súa barriga, os seus donos xa agardaban un parto múltiple, pero a súa sorpresa foi maiúscula cando comprobaron que se trataba de nada menos que trixemelgos. 

"Grazas a unha veciña, que nos avisou de que a vaca se estaba escondendo das outras, e optamos por ila buscar e traela para a casa. Mireille, a ver se estaban ben colocados, e viñan catro patas, pero aínda faltaban as cabezas. Coloqueille as crías, saquei unha, despois saquei outra, pero seguía con bastante barriga. Mireille outra vez, e a miña sorpresa foi que tiña un terceiro", exclama Cándido Rodríguez, gandeiro, dono do gando. 

"Cando saíron os dous primeiros, díxenlle a Cándido que tiña a mesma barriga, preguntándolle se non tería outro. E meteulle a man e díxenlle que tirase por el, que aínda había morrer. E saíu moi ben, así que estamos moi contentos. O último pasou moito máis tempo dentro, pero espabilou e moi ben", sinala Alejandro Silvosa, empregado da granxa. 

A nai dos trixemelgos xa tivera outros partos múltiples. Cando a mercaron, hai catro anos, dera xemelgos, un éxito reprodutivo que se repetiu a seguinte vez que empreñara.

"Estamos encantados con ela porque é unha vaca moi boa, moi mansa e moi dócil. Cando a compramos traía xemelgos, despois apareceu outra vez con xemelgos, ten unha xata de dez meses do ano pasado e agora apareceu con estes", congratúlase o gandeiro. 

Que unha vaca paira trixemelgos é algo tan extraordinario que só se dá cada 10.000 partos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade