Publicador de contidos

Publicador de contidos

Loitan pola recuperación da frieiresa, a raza galega con menos vacas

Loitan pola recuperación da frieiresa, a raza galega con menos vacas

A situación é crítica, con menos de mil exemplares

Destaca pola calidade da súa carne e como aliada contra os incendios forestais

G24.gal 26/08/2026 16:40

Escoitaron falar algunha vez das vacas frieiresas? É a máis descoñecida das razas de vacún que temos en Galicia e tamén a que está en maior perigo de extinción. A situación é crítica, con menos de mil exemplares. Por iso, un grupo de gandeiros están a loitar pola súa recuperación apoiados na calidade da súa carne e como aliadas contra os incendios forestais.

Coñecidas tamén como as vacas melenudas polas gedellas rubias que lle nacen entre os cornos, a frieresa chámase así pola súa zona de orixe, a comarca ourensá das Frieiras, na fronteira con Zamora.

Valorada no pasado como animal de traballo, a mecanización do campo e a competencia con outras razas fixo que estivese a piques de desaparecer. Das cinco razas autóctonas de vacún galegas é a que menos censo ten, con 935 exemplares:

"É a que está custando máis recuperar. Ía moi ben, despois sufriu un pequeno baixón, e desde 200 exemplares que había hoxe hai case mil", explica José Ramón Justo, director da Federación de Razas Autóctonas de Galicia-BOAGA.

Para recuperala decidiron promover a frieiresa máis aló da súa zona de orixe e hoxe en día xa hai 34 ganderías espalladas por toda Galicia, destacando o concello pontevedrés de Cerdedo Cotobade, donde está Roberto, presidente da asociación de criadores da raza:

"Eu sempre optein pola frieiresa porque igual que a moitos lles gosta a cachena polo chiste dos cornos e de que é pequeniña, a nós aquí na casa particularmente góstanos a frieiresa polo tupé e máis pola feitura da vaca que é.", di Roberto Louzán, gandeiro e presidente de FRIEIREGA.

A súa rusticidade e a cría ao aire libre dalle unhas características únicas á súa carne, como destaca María Elena Antelo, outra gandeira de Cerdedo que decidiu apostar por esta raza:

"Nunca tiven que chamar a un veterinario, nunca tiven problemas, elas mesmas paren soas, teñen unha rusticidade incríble. E despois o sabor da carne dos becerros é unha carne espectacular", conta.

Aliadas contra os incendios forestais, ao manter limpos os terreos donde pastan, son razóns que animan a estes gandeiros a seguir loitando pola súa recuperación:

"Entón para darlles un empuxonciño para arriba porque é unha raza que está quedando bastante, hai 500 e algo de animais, de nais, entonces temos que intentar sacala entre todos, unirse e sacala para arriba", afirma Roberto Louzán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade