Reloxos feitos á man dende hai máis dun século en Ourense
Odilo Fernández segue a traballar igual ca o seu avó, hai 115 anos, cando fundou a marca El Cronómetro
Neste momento só fan, como máximo, cinco ao ano e por encargo
Reloxos de corda, feitos de xeito artesanal, que parecen devolvernos o control sobre o tempo. Son pezas únicas, fabricadas en prata ou ouro, que requiren de meses de traballo minucioso e precisión para que todo encaixe.
Odilo Fernández, que herdou o oficio do seu pai e do seu avó, subliña que é como facer unha xoia. Cada detalle é único. Ata os números están pintados a man.
A dedicación que esixen, só lle permite facer como moito cinco ao ano. O seu prezo vai dos 4.000 aos 12.000 euros, aínda que, a exclusividade destes reloxos, afirma Odilo, adoita custar moito máis.
El segue a facelos para manter a tradición familiar e para non perder a marca que creou o seu avó. Pezas que realiza por encargo, con tempo, e que viaxan polo mundo na man de moitos galegos emigrados para os que as súas agullas representan moito máis que o paso das horas.