Publicador de contidos

Publicador de contidos

O mercado laboral suma 486.000 ocupados e marca récord cun total de 22,7 millóns

O mercado laboral suma 486.000 ocupados e marca récord cun total de 22,7 millóns

Galicia perdeu 6.100 empregos no segundo trimestre, pero reduciu a taxa de paro ao 7,94 %

TVG TVG
G24.gal 28/07/2026 09:11 Última actualización 28/07/2026 10:03

O número de ocupados creceu en 486.000 persoas no segundo trimestre e situouse na cifra récord de 22.779.000, nun período habitualmente bo para o emprego pola campaña de verán e no que o paro descendeu en 213.300 persoas, ata un total 2.495.300, o cal volveu situar a taxa de paro por baixo do 10 % (9,87 %).

A ocupación subiu en 246.000 persoas entre os españois e en 240.000 entre os estranxeiros nun trimestre marcado polo proceso extraordinario de regularización, de acordo cos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

O sector servizos tirou da creación de emprego con 394.000 ocupados máis, seguido pola construción (60.000 máis) e a industria (38.200 máis), mentres a agricultura perdeu 6.200 ocupados.

O número de asalariados aumentou en 529.200 persoas, 386.900 con contrato indefinido e 142.300 con contrato temporal, mentres o traballo autónomo diminuíu en 42.900 persoas. 

Os asalariados con contrato indefinido tamén fixaron unha nova marca en 16,63 millóns de persoas.

O sector privado foi o que creou o emprego do segundo trimestre, ao sumar 501.600 persoas, ata un total de 19,13 millóns; fronte ao recorte de 15.600 persoas no sector público.

O emprego a tempo completo incrementouse en 405.400 persoas e o de tempo parcial en 80.600.

Por sexo, a creación de emprego repartiuse entre 236.300 homes e 249.700 mulleres, situando o número de mulleres ocupadas nun novo máximo de 10.616.900.

Para o Ministerio de Economía créase emprego de maior calidade, impulsado polo sector privado e en sectores de maior valor engadido, unha evolución que a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, atribuíu a unhas políticas que funcionan.

Nun vídeo en redes sociais, Díaz asegurou que é o momento de chegar "máis lonxe" para garantir que os dereitos e a protección sigan crecendo.

O maior incremento de emprego este trimestre deuse en Cataluña, con 130.800 ocupados máis; e o maior descenso, nas Canarias, con 25.100 menos.

Galicia perdeu 6.100 empregos no segundo trimestre, pero reduciu a taxa de paro ao 7,94 %

Galicia perdeu 6.100 empregos entre abril e xuño deste ano respecto ao trimestre anterior, pese ao comezo da campaña de verán, e o número de ocupados caeu ata 1.172.000, pero rexistrou unha diminución aínda maior da cifra de desempregados, co cal a taxa de paro reduciuse ao 7,94 %.

Segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre do 2026 publicada este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE), a comunidade autónoma galega rexistrou 14.900 parados menos nese período e a taxa de paro baixou ao 7,94 % (8,96 % no primeiro trimestre).

Galicia seguiu a tendencia contraria ao conxunto do país en canto á ocupación, xa que o mercado laboral español gañou 486.000 ocupados no segundo trimestre e alcanzou a cifra récord de 22.779.000, aínda que a taxa de paro é superior á galega (9,87 %).

Se se compara co segundo trimestre de 2025, o mercado laboral galego sumou 6.500 empregos e o número de desempregados reduciuse en 5.000 persoas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade