Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia perde 1.466 afiliados en agosto e o paro aumenta en 2.369 persoas

Galicia perde 1.466 afiliados en agosto e o paro aumenta en 2.369 persoas

En España, o mercado laboral perdeu 162.840 afiliados e suma 44.419 persoas desempregadas, ata os 2,35 millóns

A Xunta atribúe o aumento do paro ao fin da tempada de verán e ao proceso de regularización extraodinaria de migrantes

O sector servizos absorbeu o maior número de parados en agosto
G24.gal 02/09/2026 09:33 Última actualización 02/09/2026 14:29

Galicia perdeu 1.466 afiliados en agosto, nun mes en que o paro aumentou en 2.369 persoas. E total, a cifra de parados sitúase en  109.691 e a de afiliacións nas 1.134.483, segundo os datos divulgados este mércores polos ministerios de Traballo e Economía Social e de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

O número de parados mantívose sen cambios respecto a agosto de 2025, pero o de afiliados incrementouse un 2,09 %.

Galicia seguiu a tendencia do conxunto de España, onde o mercado laboral perdeu 162.840 afiliados en agosto, mentres que o paro repuntou en 44.419 persoas, ata os 2,35 millóns. Traballo atribúe o aumento do paro ao proceso de regularización de migrantes.

Sobe o paro en case todos os sectores e afecta, principalmente, as mulleres

O paro aumentou en todas as comunidades e cidades autónomas, excepto en Ceuta, onde descendeu, e en canto ás provincias galegas, todas rexistraron incrementos.

O desemprego subiu en todos os sectores económicos de Galicia excepto na agricultura, onde se reduciu en 56 persoas. O sector servizos sumou 1.801 parados máis, a construción 111 e a industria outros 68, ademais de 445 desempregados máis no colectivo de persoas sen emprego anterior.

O 59,6 % do total de parados en agosto eran mulleres, e os menores de 25 anos representaron o 4,4 %.

En total, asináronse en Galicia 64.195 contratos o mes pasado, un 24,79 % menos que en xullo, pero un 8,61 % máis respecto a agosto de 2025.

Galicia continúa por detrás na proporción de contratos indefinidos, xa que representaron apenas o 30,45 % do total.

En canto aos afiliados, do total de 1.123.034 persoas que cotizaban á Seguridade Social en agosto en Galicia, 911.325 estaban inscritas no réxime xeral. Outras 205.244 persoas estaban inscritas no réxime de autónomos e 17.914 no do mar. 

A Xunta achaca a subida de paro á fin da tempada de verán e asegura que foi o mellor agosto de "toda a serie histórica"

O conselleiro de Emprego, José González, achaca ao "impacto estacional" a subida de paro e a perda de emprego en agosto en Galicia debido a que "finaliza a tempada do verán", así como á "regularización de migrantes" que tivo lugar de forma extraordinaria.

Nun comunicado, a Xunta subliña que os 1.134.483 cotizantes supoñen o mellor agosto na serie (desde 2004) e a segunda mellor cifra rexistrada. A pesar de a destrución de 1.466 empregos en comparanza con xullo, o Goberno galego subliña o incremento interanual do 2,09 %, con 23.276 cotizantes máis.

Respecto ao paro, a Consellería de Emprego resalta que os 109.691 desempregados supoñen o nivel máis baixo na serie histórica para un mes de agosto (desde 1996) e que se alcanza a cifra máis baixa de paro nun mes de agosto para as mulleres e os parados de longa duración.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade