OPINIÓN
O curso económico tamén comeza na casa, por María Bastida
En setembro hai dúas economías falando á vez. Unha sae nos titulares: crecemento, inflación, tipos de xuro, previsións para o novo curso. A outra está pegada cun imán na porta da neveira e chámase material escolar. Pero as dúas contan a mesma historia.
A economía española segue medrando: un 0,7 % no segundo trimestre, un 2,7 % respecto ao ano pasado. Isto non está parado, nin moito menos. Pero xusto agora volve asomar a cabeza a inflación, unha vella coñecida. Os prezos están un 4,3% por riba dos de hai un ano. En xullo a diferenza era do 3,6 %. Que mudou nun mes? Basicamente a gasolina e, sobre todo, o seu recordo: o agosto pasado baixou e este subiu. O “menos malo” é que, se deixamos fóra a enerxía e os alimentos frescos, a inflación de fondo baixa unha décima, ata o 2,9 %. Traducido: a suba está sobre todo no depósito e, polo de agora, non parece terse estendido ao núcleo dos prezos.
Aínda así, en setembro a inflación faise especialmente visible. En Galicia, a volta ao cole suporá uns 500 euros de gasto medio, un 31 % máis ca o ano pasado. E chega xusto cando rematan as vacacións e se suma ao alugueiro ou á hipoteca, á compra, á gasolina e á luz. Todo á vez. Así que o primeiro reto do outono son os prezos. É cousa dun mes, moi ligada á enerxía, ou irá contaxiándose ao resto da cesta da compra? E ollo: a inflación harmonizada española está xa no 4,5%. O último dato dispoñible para a zona euro, aínda o de xullo, foi do 2,9 %. España chega ao outono con máis presión inflacionista.
Unha segunda cuestión que empezaremos a notar en canto baixe a temperatura é a enerxía. Porque este outono tamén estaremos pendentes de canto custa acender a luz e quentarnos. Europa chega ao inverno cunhas reservas de gas bastante máis baixas do habitual e cun mercado enerxético moi condicionado por Oriente Medio. España está algo mellor situada, pero tampouco vive illada do prezo europeo. Non parece que teñamos un problema inmediato de subministración, pero si podemos telo de prezo. Abonda cun inverno frío ou cun novo sobresalto xeopolítico para que o gas e a electricidade volvan tensionarse. E cando sobe a enerxía, acaba entrando tamén nos custos das empresas e, tarde ou cedo, nos prezos.
E isto enlaza co terceiro asunto: os tipos de xuro. Aquí a película cambiou. O Banco Central Europeo subiu os tipos en xuño ata o 2,25 % e volve reunirse o día 10. O escenario máis probable é outra subida ata o 2,50 %; despois quedarán outubro e decembro. E o euríbor a doce meses rolda xa o 3 %. Traducido á casa: se a alguén lle toca revisión da hipoteca variable este outono, o máis probable non é un respiro, senón unha cota algo máis alta. E o mesmo para quen queira financiar un coche ou para unha empresa que necesite crédito.
E o cuarto reto: aguantar. O emprego chega ao outono en boa forma, con preto de 22,8 millóns de ocupados e o paro por debaixo do 10 %. Pero o segundo trimestre sempre vén co vento a favor do turismo, así que a dúbida é que pasa cando remate o verán de verdade. E polo lado do consumo xa aparece unha primeira fenda: as vendas do comercio polo miúdo caeron un 0,3 % interanual en xullo e a ocupación do sector tamén retrocedeu.
Así que, de aquí a decembro, catro claves: se os prezos se calman, canto nos custa acender a calefacción, ata onde chega o Banco Central Europeo e se o emprego aguanta cando remate de verdade o verán. España vai seguir medrando. A pregunta é como chegamos a decembro. E con canto no peto.