A seca deixa perdas millonarias no sector gandeiro pola falta de forraxe
Unións Agrarias cifra as perdas en 164 millóns de euros, cuantificadas a primeiros de agosto
O sector leiteiro é o que máis o sofre porque a alimentación do gando supón un 60% dos custos de produción
A seca, que se prolonga xa desde a primavera para os gandeiros, deixa perdas de ata 164 millóns de euros na forraxe, segundo cuantificou Unións Agrarias. O ensilado do millo vaise adiantar practicamente un mes, pero a falta de auga provocou que sexa de moi pouca calidade.
O interior das provincias de Lugo e da Coruña son as que están a manifestar os maiores danos desta seca para o sector agrogandeiro, principalmente para o leiteiro, no que a alimentación do gando supón un 60% dos custos de produción. Co millo forraxeiro de moi pouca calidade e os pasteiros secos acomedar o gando faise cada día máis caro.
"O tema da colleita do millo foi moi complicada. Sementamos e ao pouco tempo xa empezamos coa 'mythimna' e de alí a pouco comezou a seca. Vai ter unha repercusión moi grande nas contas de resultados dos gandeiros", explica o gandeiro Cristóbal Touriñán.
"Estamos falando só do que son as perdas: de millo forraxeiro arredor de cen millón de euros; pasteiros permantes, 27 millóns e en praderías arredor dos 35. É un dato real, analizado de todos estes meses e hai que ver a maiores os incrementos que se producen nas explotacións", cuantifica Félix Porto, vicesecretario de Unións Agrarias
O investimento na colleita da forraxe está feito e non se vai recoller a produción agardada. As características nutricionais do millo tamén son inferiores ás habituais polo déficit hídrico co que será necesario mercar fóra o alimento do gando para manter as explotacións.
"Se aumentas o custo e baixas o rendemento ao final as contas non poden ser. Tes que buscar a forraxe onde sexa e cando saímos todos a buscar, vai aumentar o custo", di o gandeiro
"Se falamos de cubrir custos de produción, hai explotacións que van estar en marxes moi reducidas. Polo tanto o que estamos a solicitar que se activen mecanismos por partes das Administracións para controlar que non se produza unha entrada en perdas", advirte Porto.
Unións Agrarias reuniuse coa Consellería do Medio Rural para que se active unha mesa de seguimento e ver como se van asumir os custos de produción e as medidas a tomar a medio prazo en función do que se prolongue a seca.