Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Castro de Caldelas acolle a derradeira feira de gando do ano

O Castro de Caldelas acolle a derradeira feira de gando do ano

Participaron unha quincena de gandeiros da comarca, con oitenta cabezas

 

G24.gal 18/11/2026 14:36

Tratantes e gandeiros déronse cita na terceira feira do ano no Castro de Caldelas, a derradeira de 2026. Unha oportunidade para negociar, cara a cara, e testar o mercado.

"O mercado xa estivo mellor ca está. Ultimamente está a cousa parada". "Xa sabiamos por Silleda e Chantada e outros sitios que baixaron os prezos respecto a meses anteriores. Está frío, coma o día", comentan varios participantes.

Á venda, oitenta cabezas, a maioría rubia galega, dunha quincena de gandeiros da zona.

Manuel Yáñez, gandeiro: "Na feira vendes moito mellor porque á casa vén o tratante e tes que dalo polo que che dean e aquí teñen que pagar".

Óscar Nogueira, tratante e gandeiro: "A nós tamén nos favorece, que non hai que andar polas casas".

É a única feira de gando de Ourense. Recuperárona pola demanda dos criadores.

Manuel Pérez, gandeiro e tenente alcalde do Castro: "A resposta dos gandeiros ben. Todo o mundo está encantado con que haxa a feira. E se non se vende, polo menos xuntámonos para falar e comer o polbo".

Nuns días, os gandeiros reuniranse de novo para programaren o calendario de feiras para o ano que vén.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade