Publicador de contidos

Publicador de contidos

Iberdrola proxecta unha batería de almacenamento para o seu parque eólico de Monte Treito, en Rois, cun investimento de 19 millóns

Iberdrola proxecta unha batería de almacenamento para o seu parque eólico de Monte Treito, en Rois, cun investimento de 19 millóns

O proxecto entra agora nun período dun mes para a presentación de alegacións, segundo anunciou a Xunta este mércores no Diario Oficial de Galicia

Segundo a empresa, os módulos almacenarán enerxía durante os períodos de alta produción para vertela á rede nos momentos de máxima demanda

Iberdrola Iberdrola
G24.gal 18/11/2026 13:19

Iberdrola Renovables Galicia proxecta un sistema de almacenamento mediante baterías para o seu parque eólico de Monte Treito, situado no concello de Rois, na provincia da Coruña. A unidade de almacenamento contará cunha capacidade de 105,7 MWh. O orzamento desta iniciativa é de 19 millóns de euros.

O proxecto entra agora nun período dun mes para a presentación de alegacións, segundo anunciou a Xunta este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Iberdrola ten previsto hibridar o parque eólico de Monte Treito cun sistema de baterías (coñecido como BAT Monte Treito) para "aproveitar a infraestrutura de conexión á rede existente e optimizar a xestión da enerxía xerada".

"Os módulos de almacenamento acumularán unha parte da electricidade xerada polo parque eólico, optimizando a xestión da xeración eléctrica no punto de conexión e creando unha instalación híbrida. Isto contribuirá á flexibilidade da rede ao almacenar enerxía durante os períodos de alta produción e vertela á rede nos momentos de máxima demanda, favorecendo así a integración das enerxías renovables e mellorando a flexibilidade do sistema", explica a compañía na documentación do proxecto.

Ademais, Iberdrola presentou recentemente un proxecto de repotenciación para o parque eólico de Monte Treito —situado nos concellos de Dodro, Lousame, Rianxo e Rois—, que inclúe a instalación de sete novos aeroxeradores cunha capacidade total de 31,5 MW para substituír os 40 existentes. O proxecto conta cun orzamento de preto de 34 millóns de euros.

O parque eólico de Monte Treito leva en funcionamento desde 2001, e Iberdrola Renovables Galicia está a liderar unha renovación tecnolóxica integral da instalación; isto implica a retirada dos 40 aeroxeradores actuais e a súa substitución por 7 unidades máis potentes e eficientes, incorporando ademais un proxecto de almacenamento mediante baterías.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade