Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vázquez, sobre o aval do TS á eólica: "Galicia gañou, perdemos moito tempo e agora toca recuperalo"

Vázquez, sobre o aval do TS á eólica: "Galicia gañou, perdemos moito tempo e agora toca recuperalo"

A conselleira de medio ambiente asegura que a sentenza do Supremo acredita que o plan eólico da Xunta "está ben feito" e que "non houbo prexuízo mediambiental"

Segundo Ánxeles Vázquez, "perderon os que querían crear desconcerto"

A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, este venres nunha entrevista no 'Bos días'
G24.gal 05/06/2026 10:01

A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, celebra a sentenza do Tribunal Supremo que desbloquea a tramitación de parques eólicos en Galicia.

A decisión da Sala do Contencioso-Administrativo de estimar os recursos presentados pola Xunta, Greenalia e a Asociación Eólica de Galicia e que permitiu revogar o ditame emitido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en 2023 que anulou o proxecto do parque eólico Bustel abre a porta agora a desatoar outros pleitos que estaban enriba da mesa.

"Non se trata dunha sentenza máis, explica Vázquez nunha entrevista no 'Bos días'. Senta as bases e abre a porta a que se desatasquen todos os pleitos que temos enriba da mesa e eses 93 parques que están parados".

Segundo a conselleira, a sentenza demostra que o que está facendo a Xunta "cumpre coa lexislación vixente". "Aquí non hai trampa nin cartón", explica, e confía en que o ditame permita dar seguridade xurídica e atraer novos investidores.

Vázquez lamenta o tempo perdido e carga contra as "mal chamadas organizacións mediambientalistas e partidos políticos que causaron desconcerto entre a poboación".

"Non foron capaces de acreditar durante estes seis ningún prexuízo medioambiental. Galicia gañou, perderon os que querían crear desconcerto. Perdemos moito tempo e toca recuperalo".

A conselleira afirma que os 93 parques eólicos que levan anos parados xerarían uns 2.500 megawatios de potencia cos que Galicia podería deixar de emitir unha cantidade que equivaldría aos gases contaminantes de todos os coches das provincias da Coruña e Pontevedra.

"Cada megawatt que se deixe de instalar en Galicia supón unha dependencia maior das enerxías fósiles e tamén do exterior. Nun momento tan convulso a nivel global o lóxico é que nós, que temos un recurso como o vento, sigamos avanzando para cumprir cos retos climáticos".

Retos que pasan por reducir un 75 % das nosas emisións netas en 2030 e conseguir a neutralidade climática en 2040. Neste momento  a nosa comunidade sitúase á cabeza de España cunha redución das emisións nun 68,5 %. Segundo Vázquez, "estamos no bo camiño".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade