OPINIÓN
Lugo, fóra do mapa eléctrico, por María Bastida
Iberdrola acaba de facer o que fan as empresas cando teñen que investir 500 millóns de euros: mirar números, riscos e viabilidade. E os números dixéronlle que a planta de metanol verde prevista en Begonte tiña máis futuro en Huelva ca en Lugo. A noticia non debería sorprendernos. Galicia leva anos dicindo que quere ser unha potencia da transición enerxética, pero unha parte decisiva do noso territorio queda sen a rede eléctrica de transporte necesaria para atraer grandes proxectos industriais. E sen rede non hai industria. Así de simple.
Un proxecto con 151 megawatts de electrólise e capacidade para producir 100.000 toneladas anuais de metanol verde precisa dunha infraestrutura eléctrica potente. Se Lugo non a ten, o investimento marcha. E con el marchan os empregos, a cadea de provedores, a aprendizaxe industrial e a oportunidade de colocar a provincia no mapa da nova economía verde.
Certo que a planificación da rede de transporte eléctrica é competencia do Estado. É aí onde se decide quen pode competir pola nova industria e quen queda condenado a vela pasar. E o Goberno de Pedro Sánchez decidiu unha planificación que deixa o centro e o oeste de Lugo sen a capacidade necesaria para xogar esta partida. Despois virán as explicacións: que se criterios técnicos, que se prioridades, que se sustentabilidade, que se custo para o sistema. Pero a consecuencia inmediata é que Lugo produce enerxía, pero non pode usala para atraer industria.
Tamén é certo que o clima xeral non invita ao optimismo. Non se pode pedir industria, emprego e futuro para o interior de Galicia e, ao mesmo tempo, montar unha guerra cada vez que aparece un proxecto industrial relevante. A industria esixe controis, garantías ambientais e transparencia, por suposto. Pero converter cada investimento nun campo de batalla permanente ten consecuencias. O mesmo que decidir impedir calquera proxecto antes de discutir como, onde e con que condicións podía encaixar. Así tampouco se constrúe país.
Green Meiga non é un caso illado. Antes xa vimos proxectos vinculados ao hidróxeno verde quedaban polo camiño entre ruido e incerteza; ou como iniciativas de biogás chamadas a pechar ciclos produtivos tamén acababan embarrancando antes de nacer. Cando un proxecto cae, pode ser un problema dese proxecto. Cando caen varios, estamos ante un patrón. E ese patrón di que entre un Goberno que non planifica conexións e unha parte do país que sospeita de toda industria, pouca facilidade temos para construír unha transición enerxética que deixe valor aquí.