Optimizar a eficiencia das granxas a partir dos eructos das vacas
O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo investiga a repercusión do metano exhalado polo vacún nos gases de efecto invernadoiro
A metade do metano producido polas vacas representa a metade dos gases que xera unha granxa ao ano
O proxecto redundará en datos de emisións que permitirán incrementar a eficiencia do sector
Unha vaca expulsa, dependendo do animal e da dieta, uns cen quilos de metano ao ano. E faino principalmente pola boca, en forma de eructos; as flatulencias so representan un 5%.
Esas emisións conforman, xunto co dióxido de carbono, a metade dos gases con efecto invernadoiro que xera unha granxa e que un proxecto do Centro de Investigacións Agraria de Mabegondo, no concello coruñés de Abegondo, está tratando de medir.
"Trátase de que poidamos medir vía leite o metano que están producindo as vacas. Deste xeito, dotar ao Laboratorio interprofesional galego de análise do leite (LIGAL) dunha ferramenta útil para informar aos gandeiros do metano que están a producir as vacas, ou en tanque, como proceda", comenta César Resch, investigador da Axencia galega de calidade alimentaria.
O proxecto, valorado nuns 180.000 euros financiados pola Unión Europea e o Ministerio de Agricultura, supón a instalación de 14 comedeiros e dous bebedeiros medidores do que come cada vaca, pero tamén dun analizador dos gases que emiten os animais pola boca, e que estará operativo nuns meses.
"Cada vaca dános unha información da cantidade de comida que está inxerindo. Ademais, o outro aparato, que se chama Greenfeed, o que nos fai é medir a cantidade de gases de efecto invernadoiro-basicamente metano e dióxido de carbono- que exhala cada vaca cando come", ilustra César Resch.
Con estes datos, que este centro de investigación da Xunta obtiña ata agora de xeito indirecto, tanto a industria como os gandeiros poderán intervir na dieta e nas racións do gando para axustar as emisións dos animais, de cara a unha futura regulamentación.
"As baixas emisións de efecto invernadoiro están ligadas a unha mellor eficiencia. Aquelas granxas que emiten menos gases efecto invernadoiro son aquelas que son máis eficientes, dende o punto de vista económico e produtivo", afirma o investigador.
Dende Mabegondo contan con empezar a subministrar datos precisos ao sector a partir deste outono.