As chuvias dos últimos días alivian o sector gandeiro pero non solucionan a crise de forraxes
A caída na produción de forraxes podería incrementar ata en cinco céntimos os custos de producción por litro de leite, segundo os cálculos de Unións Agrarrias.
Ata primeiros de agosto, a seca provocou unhas perdas duns 160 millóns de euros na produción de forraxes, segundo as estimacións do sindicato Unións Agrarias. Un exemplo témolo na cooperativa Cobideza, que agrupa unhas duascentas ganderías da comarca do Deza.
"Eu calculo que podemos estar entre un 25 ou un 30% de merma en canto á cantidade. Eu mesmo facía un cálculo na miña granxa: seguramente íame supoñer uns 700 euros en hectárea de perdas", asegura Román Santalla, tesoureiro da Cooperativa Cobideza.
A falta de forraxe obriga a mercala fóra. Dese xaneiro, o prezo das materias primas para produción de pensos incrementouse un 17 por cento. Nesta explotación calculan un incremento duns 3 céntimos por litro de leite nos custos de produción.
"Aplicado ao litro de leite, calculamos que vai estar entre os dous e os tres céntimos o que vai aumentar o custo de produción. Este ano vai ser un ano crítico en canto ao alimento para o gando, porque ademais vai ser un alimento de máis mala calidade, de menos almidóns, de moita máis fibra e menos dixestibilidade, co cal imos ter que mercar máis pensos", explica Román Santalla.
Nesta cooperativa din que as chuvias destes últimos dias axudarán a paliar algo a situación, xa que permitirán recuperar parte da produción de millo que está aínda sen recoller.