Publicador de contidos

Publicador de contidos

A rebaixa fiscal do gasóleo volve a ser de 20 céntimos en setembro

A rebaixa fiscal do gasóleo volve a ser de 20 céntimos en setembro

A suba deste carburante superou o 15 % en xullo, polo que se activa de forma automática a cláusula prevista no decreto lei de medidas para conter o impacto da guerra en Irán e recupérase o desconto máximo

No caso da gasolina, a electricidade e o gas natural a situación non muda xa que o seu incremento de prezo non foi tan elevado

Os combustibles e a electricidade levan o IPC ata o 3,6 %, unha décima máis do previsto

G24.gal 13/08/2026 10:46

O Goberno incrementará no mes de setembro a rebaixa fiscal do gasóleo, ata os 20 céntimos por litro, despois de que o seu prezo incrementase un 15,7 % no mes de xullo, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados este xoves.

A suba sitúase por encima do limiar do 15 % previsto no decreto lei de medidas para conter o impacto da guerra en Irán, aprobado o pasado mes de xullo, polo que a cláusula de salvagarda do Plan de Resposta actívase de forma automática.

Así, a rebaixa do imposto sobre hidrocarburos aplicable ao gasóleo elevarase a 20 céntimos por litro en setembro, fronte aos cinco céntimos inicialmente previstos para ese mes.

Explícao o Ministerio de Economía, Comercio e Empresa nun comunicado remitido aos medios este xoves, no que se lembra que o último decreto lei ten "un enfoque protector adaptado á evolución do conflito, cun deseño prudente que permite volver elevar a protección se se reproduce un escenario adverso".

Ese decreto, que foi aprobado no Congreso dos Deputados o pasado 23 de xullo, suprimiu as rebaixas de IVE, pero mantivo a do imposto especial de hidrocarburos cunha cláusula de reactivación por se a situación empeoraba.

En virtude desa cláusula, establecíase que o imposto de hidrocarburos situaríase en 20 céntimos por litro se a inflación dos carburantes superaba o 15 % e, do mesmo xeito, recuperaríanse as bonificacións fiscais para a electricidade e o gas se se encarecían máis dun 15 %.

Non foi así neste último caso, xa que a electricidade subiu un 8,4 % en xullo e o gas natural, un 4,1 %, e tampouco no da gasolina, cun incremento do prezo do 7,3 %, polo que mantén o calendario ordinario de retirada gradual, cunha rebaixa de cinco céntimos por litro en setembro.

O ministerio insiste en que tanto o primeiro plan de resposta posto en marcha o 20 de marzo como a súa continuación "están a cumprir o seu obxectivo principal", que é "amortecer o impacto do shock externo sobre a inflación e o poder adquisitivo dos fogares".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade