Os combustibles e a electricidade levan o IPC ata o 3,6 %, unha décima máis do previsto
O INE revista á alza o cálculo da inflación en xullo, que se sitúa catro décimas por riba do mes anterior
Arquivo (Europa Press)
O Instituto Nacional de Estatística (INE) revisou unha décima á alza o índice de prezos de consumo (IPC) de xullo, ata o 3,6 %, catro décimas máis ca o mes anterior e debido principalmente ao maior encarecemento dos combustibles e lubricantes para vehículos e da electricidade.
O dato avanzado hai dúas semanas, a finais de xullo, calculaba que o IPC se situaría no 3,5 %.
Con todo, o INE mantivo sen cambios, respecto aos datos adiantados hai dúas semanas, a inflación subxacente -que non ten en conta a enerxía nin os alimentos non elaborados por ser os compoñentes máis volátiles- e sitúaa no 3 %, unha décima máis que no mes de xuño.
O grupo que máis tirou á alza do IPC foi o do transporte, cuxa taxa anual subiu máis dun punto, ata o 6,2 %, un aumento que foi debido, principalmente, ao maior incremento dos prezos dos combustibles e lubricantes para vehículos privados respecto a xullo de 2025.
Tamén tivo unha influencia positiva o grupo da vivenda, que situou a súa variación anual no 5,7 %, un punto por encima da do mes pasado, polo maior encarecemento da electricidade.
Os combustibles soben un 31,5 % e a electricidade, un 8,4 %
Os combustibles líquidos encareceron un 31,5 % en xullo -un 15,7 % no caso do gasóleo e un 7,3 % a gasolina-, debido á persistencia do impacto do conflito de Oriente Medio nos mercados internacionais, mentres que a electricidade subiu un 8,4 % e o gas natural, un 4,1 %.
O Ministerio de Economía, Comercio e Empresa indica nun comunicado que a subida do gasóleo está por encima do limiar do 15 % previsto no decreto de medidas para conter o impacto da guerra en Irán, polo que a cláusula de salvagarda do Plan de Resposta activarase en setembro de forma automática.
Así, a rebaixa do imposto sobre hidrocarburos aplicable ao gasóleo elevarase a 20 céntimos por litro en setembro, fronte aos 5 céntimos previstos para ese mes.
A gasolina, pola súa banda, ao non superar o limiar establecido, mantén o calendario ordinario de retirada gradual, cunha rebaixa de 5 céntimos por litro en setembro.
A menor subida dos alimentos desde 2021
Respecto aos alimentos e bebidas non alcohólicas, os seus prezos aumentaron un 1,6 % en xullo, tres décimas por baixo da taxa de xuño e un mínimo non visto desde 2021.
En comparación mensual, os prezos de consumo aumentaron un 0,3 % respecto a xuño. Os grupos con maior repercusión positiva foron os de transporte, vivenda e actividades recreativas, deporte e cultura, mentres que tiraron á baixa os de vestido e calzado (pola campaña de rebaixas de verán) e alimentación e bebidas non alcohólicas.
O que máis subiu de prezo en xullo respecto ao mes anterior foron o alugueiro de vehículos privados sen condutor (34,2 %), o alugueiro, mantemento e reparación de autocaravanas e caravanas (15,3 %) e os hidrocarburos licuados (12,1 %), mentres que o que máis baixou foron o transporte de pasaxeiros por tren, un 14,9 %; as pezas de vestir para muller ou nena, un 13,3 %; e outras froitas frescas, un 12,8 %.
O IPC rexistrou taxas anuais positivas en todas as comunidades autónomas en xullo: Cantabria presentou o maior aumento (4,3 %) e Estremadura o menor (3 %).