Publicador de contidos

Publicador de contidos

A inflación sobe ao 3,5 % en xullo impulsada polos carburantes e a electricidade

A inflación sobe ao 3,5 % en xullo impulsada polos carburantes e a electricidade

O IPC alcanza o nivel máis alto desde maio de 2024 tras repuntar tres décimas respecto a xuño 

A economía medra un 0,7 % no segundo trimestre 

EuropaPress EuropaPress
G24.gal 30/07/2026 09:07 Última actualización 30/07/2026 10:12

Os prezos aumentaron en España un 3,5 % iteranual en xullo, tres décimas máis ca en xuño (3,2 %), segundo o dato avanzado este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Trátase da taxa máis elevada desde maio de 2024. 

O organismo atribúe esta repunta ao encarecemento dos carburantes e da electricidade. Xullo foi o primeiro mes completo coa aplicación das novas medidas aprobadas polo Goberno, que devolveron o IVE dos carburantes ao tipo xeral do 21 % e ampliaron a rebaixa do imposto especial de hidrocarburos. 

O ministo de Economía Carlos Cuerpo enmarcou a subida da inflación nun contexto internacional complexo, marcado polo conflito en Oriente Medio e o seu impacto sobre os prezos dos combustibles. Segundo o ministerio, as medidas aprobadas nos últimos meses permitiron reducir a inflación nun punto porcentual de media. 

A inflación subxacente sobe ao 3 % 

A inflación subxacente, que non ten en conta os alimentos non elaborados nin os produtos enerxéticos por seren os máis volátiles, situouse no 3 %, unha décima por riba da rexistrada en xuño. 

En termos mensuais, os prezos aumentaron un 0,2 % respecto ao mes anterior. O índice harmonizado (IPCH) elevouse ata o 3,8 % en taxa interanual e reduciuse un 0,1 % en comparación con xuño. 

A economía medra un 0,7 % no segundo trimestre 

A economía española creceu un 0,7 % entre abril e xuño, unha décima máis que no primeiro trimestre do ano, segundo o avance da Contabilidade Nacional do INE. 

O crecemento estivo sustentando principalmente pola demanda interna, impulsada polo consumo dos fogares e o investimento. O consumo das familias aumentou un 0,7 %, o investimento un 0,4 % e o gasto público un 0,3 %, mentres que as exportacións creceron un 0,8 % e as importacións un 0,6 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade