As castañas chegan ao mercado, pero a calor frea a demanda dun froito clásico de outono
As variedades híbridas, de maduración máis temperá, son as que primeiro se poñen a venda, aínda que teñen un sabor diferente as autóctonas
A calor adianta a colleita nalgúns lugares, que os produtores agardan comezar na primeira metade de outubro
Nas froiterías e mercados xa están a venda as castañas. Na Froitería Corral de Ourense acaban de recibir o primeiro pedido.
"Son as primeiras castañas sí que merquei para poñer a venda. A verdade é que non está o tempo para que apeteza moito a castaña, pero sempre hai quen lle gustan e que as queira de todas as maneiras", conta José Corral, dono dunha froitería no barrio de Barrocás, en Ourense.
Con esta calor cómpre gardar o froito na neveira, para que non estrague axiña e aguante varios días, á espera de que a demanda aumente.
"Estiven a punto de non collelas porque fai moita calor. E teño levado xa algún carallo porque coa calor a castaña derrámase", asegura o froiteiro.
Un produto asociado a un clima outonal, máis frío e húmido, pero hai quen o degusta sen importarle como estea o tempo.
"Apetécenme, sí. E ásoas nunha tixola con furados que teño, e cómoas así, e sábenme", comenta unha clienta que mercou un quilo delas.
Por agora entra no mercado a castaña temperá, de variedade híbrida, con diferente sabor.
"O que temos agora no mercado é a variedade híbrida. É unha castaña cun tamaño e unhas particularidades agradables á vista, pero que a quen lle guste a castaña nosa, notará que o sabor é outro", di Mónica Bizarro, Presidenta da Asociación de Produtores de castaña de Parada de Sil.
Un estío cálido e seco condiciona a vindeira colleita, que segundo zonas arrancará a comezos ou mediados de outubro.
"Hai un refrán no meu pobo que di `a castaña en agosto tiña que arder e en setembro tiña que beber´. A verdade é que en setembro bebeu pouquiño, pero, bueno, a ver que sae, e a ver se chove algo antes da colleita. Eu creo que a primeira semana de outubro, con esta calor, nalgunhas zonas xa teñan iniciada a colleita e despois, a mediados de mes, xa haberá no mercado bastante castaña da zona", asegura Mónica Bizarro, quen promove inicativas para que o cultivo de castaña se manteña vivo nos canóns do Sil, como complemento económico, pero tamén como saber tradicional vinculado ao territorio.
Pois xa que o outono como tal non dá chegado, haberá que ir acostumándose á castaña tamén como manxar de verán.