O G7 liberará 100 millóns de barrís de petróleo e diésel en 4 meses para baixar o prezo do combustible
O G7 liberará 100 millóns de barrís de petróleo e diésel en 4 meses para baixar o prezo do combustible
Os líderes das 7 potencias condenaron os ataques de Irán a países veciños e esixiron a restauración da plena navegación no estreito de Ormuz
Anunciaron tamén que manterán as sancións a Rusia
Emmmanuel Macron durante a videoconferencia do G7 con membros do seu goberno. Reuters
Os países do G7 acordaron este venres liberar inmediatamente de forma coordinada 100 millóns de barrís de petróleo a través da Axencia Internacional da Enerxía (AIE) durante o próximos catro meses, cunha parte importante de diésel dispoñible nos primeiros 20 días, segundo un comunicado difundido tras unha reunión virtual dos seus líderes.
O presidente francés, Emmanuel Macron, quen convocou a reunión por videoconferencia, afirmou que as medidas acordadas "deberían facer baixar os prezos" dos combustibles e que non haberá "ningunha prohibición" ás exportacións de diésel entre os países do G7 (ademáis de Francia, Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Alemaña, Italia e Xapón).
Segundo o comunicado, o grupo tamén acordou coordinar os calendarios de mantemento das súas refinerías para evitar perdas simultáneas de capacidade e aumentar temporalmente as taxas de utilización cando sexa posible.
Así mesmo, os 7 instaron os países cunha capacidade significativa de refinado a incrementar a produción de produtos refinados, especialmente diéseis.
A AIE deberá supervisar a aplicación dos compromisos e presentar un informe nun prazo de 20 días, con recomendacións para mellorar futuras respostas, incluída a reposición das reservas, segundo o comunicado publicado tras a reunión.
Os líderes do G7 reafirmaron o seu compromiso de non impoñer restricións ás exportacións de enerxía e produtos enerxéticos entre os seus membros e pediron a todos os países produtores que eviten prohibicións que poidan aumentar as tensións nos mercados.
O grupo dos 7 reclamou a restauración "inmediata e plena" da navegación no estreito de Ormuz
O comunicado tamén condenou os ataques de Irán contra países veciños e as perturbacións ao comercio internacional e a seguridade enerxética.
Neste sentido, as 7 potencias reclamaron a restauración "inmediata e plena" dos dereitos e principios de navegación no estreito de Ormuz e eloxiaron os esforzos dos Estados Unidos para garantir o libre tránsito comercial por esa vía.
Os países do grupo afirmaron ademais que manterán as sancións contra Rusia e traballarán coa AIE e outros socios para evitar novas repercusións sobre os mercados de combustibles, gas e outras materias primas.
Macron, cuxo país exerce a presidencia de quenda do G7, pedira antes da reunión unha acción coordinada do grupo para conter a alza dos prezos. O presidente francés mantivo durante a noite conversacións co presidente estadounidense, Donald Trump, e o primeiro ministro canadense, Mark Carney, sobre a situación enerxética mundial.
"Protexer fogares e empresas" ante a suba dos prezos
As medidas "decisivas e coordinadas" buscan estabilizar a subministración inmediata de enerxía, protexer a fogares e empresas fronte ás subidas de prezos e reforzar a resiliencia dos mercados enerxéticos mundiais, que atravesan "unha volatilidade sen precedentes, cun aumento dos prezos que ameaza a estabilidade económica e o benestar", segundo o comunicado.
"Reunirémonos no marco da AIE nos próximos días para analizar a posibilidade de realizar novas liberacións de diésel se fose necesario", sinalaron os dirixentes de Francia, Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Alemaña, Italia e Xapón.
Engadiron que seguirán de cerca a evolución da situación e estarán preparados para "axustar" as medidas cando sexa necesario.
"Os acordos alcanzados hoxe representan un paso cara a un futuro enerxético máis seguro, transparente e resiliente", concluíron.