Rueda anuncia 3,6 millóns para paliar os sobrecustos do gasóleo e fertilizantes no agro
Estes apoios terán unha tramitación simplificada e prevén que se aboe antes de que remate este ano para darlles liquidez aos profesionais do agro
O presidente da Xunta pediulle ao Goberno que aprobe rebaixas fiscais ao agro para apoiar o sector neste contexto de crise internacional e alza de prezos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anuncia que Galicia vai lanzar unha orde de axudas de máis de 3,6 millóns de euros para apoiar os gandeiros e agricultores fronte ao aumento dos custes do gasóleo agrícola e dos fertilizantes. Esta suma resulta da achega da Comisión Europea de 1,6 millóns, que a Xunta complementará con outros 2 adicionais.
Os beneficiarios serán os agricultores dados de alta na Seguridade Social como autónomos que obteñan da actividade agraria, polo menos, o 25 % dos ingresos. Segundo explica a Xunta, estes apoios terán unha tramitación simplificada e prevén que se aboe antes de que remate este ano para darlles liquidez aos profesionais do agro.
Alfonso Rueda fixo este anunciou durante unha visita este mércores á Granxa Doroña SAT en Arzúa, que abastece á planta de Nestlé en Pontecesures. O presidente da Xunta pediulle ao Goberno que aprobe rebaixas fiscais ao agro para apoiar o sector neste contexto de crise intenacional e alza de prezos.
Para Rueda está claro que é agora cando hai que realizar estas rebaixas e establecer axudas ao sector porque "cando hai momentos de dificultade, hai que corresponder co esforzo da xente que o fai ben" como é o caso do sector primario galego.
"Se ao rural galego vai ben a Galicia vai ir moi ben", concluíu, tras apostar por incrementar o valor engadido da produción, así como garantir a remuda xeracional e seguir crecendo. Ao seu xuízo, "pode haber cada vez menos explotacións pero cada vez máis produtivas e modernas".
Durante a visita á granxa o presidente coñeceu de primeira man o proxecto que desenvolve Nestlé en 60 das 83 explotacións que lle subministran leite en Galicia para reducir os gases de efecto invernadoiro.
O director xeral da multinacional en España, Jordi LLach, explicou que inviten na comunidade preto de 4 millóns de euros en medidas de redución de emisións, benestar animal e agricultura rexenerativa.