Comisados en Bueu 181 quilos de peixe e marisco ilegal
2 operacións do Seprona contra o comercio ilegal de produtos do mar
Incautáronse de 12 quilos de centolas, que están en veda
A loita contra as actividades pesqueiras e marisqueiras ilícitas segue a dar froitos. Dous operativos do Seprona acabaron co comiso de 181 quilos de peixe e marisco ilegal no porto de Bueu.
En total, 165 quilos de peixe e 16 de marisco comisados polo Servizo de Protección da Natureza en Bueu. Atopáronos nun servizo rutineiro de control da pesca furtiva e comercialización irregular de produtos do mar na costa galega. Actividades coma esta poñen en risco os recursos mariños e a seguridade alimentaria.
Foron dúas operacións no mesmo porto. Na primeira interceptaron un veciño de Vigo cando descargaba unha furgoneta isotérmica no punto de embarque ás illas Ons. Gran parte do produto atópabase en bolsas de plástico ordinarias sen cumprir as normas sanitarias básicas.
Xosé Manuel Rosas, patrón maior da confraría de pescadores San Martiño de Bueu, conta que nesta operación incautáuronse de 105 quilos de rapante, 35 de peixe sapo, 13 de ollomol e 12 de langosta, a meirande parte deles supostamente procedentes do Gran Sol.
No caso da segunda operación, incautáronse, amais de nécoras e lumbrigantes, 12 quilos de centolas, que están en época de veda, e moitas de delas ovadas. O pescador foi denunciado por infrinxir a normativa autonómica de pesca e marisqueo ao comercializar capturas prohibidas e saltar as canles legais de poxa en lonxa.
A rastrexabilidade é fundamental no sector pesqueiro para seguir o rastro do produto dende a súa captura ata que chega ao prato. Prácticas ilegais coma estas son outro pau nas rodas dun sector, o da pesca de baixura, que non pasa polo seu mellor momento.