Medio Rural prorroga un mes as medidas preventivas ante a dermatose nodular
Medio Rural indica que a análise do risco sanitario existente, que se realiza de forma permanente polos servizos veterinarios oficiais da Consellería, "aconsella manter por agora as medidas cautelares establecidas"
Continúan permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino, aínda que só está permitida a asistencia de animais procedentes de explotacións galegas
(Carlos Castro-Europa Press-Arquivo)
A Consellería do Medio Rural decidiu prorrogar durante un mes máis, ata o 31 de xullo, as medidas preventivas ante a dermatose nodular contaxiosa que afecta o gando bovino.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a nova resolución, coa posibilidade de que se poida volver ampliar en función da evolución epidemiolóxica da doenza.
Medio Rural indica que a análise do risco sanitario existente, que se realiza de forma permanente polos servizos veterinarios oficiais da Consellería, "aconsella manter por agora as medidas cautelares establecidas" na comunidade.
Continúan permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino, aínda que só está permitida a asistencia de animais procedentes de explotacións galegas.
A Xunta mantén unha mensaxe de "tranquilidade" cara ao sector e a cidadanía, xa que non existe constancia da enfermidade en Galicia, alén de que non se transmite ás persoas.
Non se detectaron novos casos desde marzo nin en Cataluña nin en Aragón. Así, o Goberno galego solicitou ao Ministerio que abra vías de diálogo con Marrocos para permitir de novo a entrada de bovinos procedentes de España.