Galicia conta con 6 prazas dentro da rede de "Mercados Excelentes"
O mercado de Ponteareas foi o último en obter o selo, despois de Pontedeume, Tomiño, Vilagarcía, Carballo e Ribeira
Alfonso Rueda di que a Xunta vai seguir apostando pola modernización e o impulso das prazas de abastos para potenciar o comercio de proximidade
Construído na vella nave dunha fábrica de aceiro, Mercatea convértese na sexta praza de Galicia en ingresar na rede de Mercados Excelentes. Un selo que tamén teñen Pontedeume, Tomiño, Vilagarcía, Carballo e Ribeira.
A praza de Ponteareas combina os postos tradicionais con novas propostas de restauración. A alcaldesa da vila, Nava Castro, asegura que coa súa inauguración "celebramos a forza do comercio de proximidade e o orgullo de contar cun mercado pensado para o presente pero tamén preparado para o futuro".
A Xunta investiu un millón de euros na reforma deste mercado. Alfonso Rueda di que o goberno galego seguirá modernizando as prazas de abastos para fortalecer o comercio local e a economía dos concellos: "Esto tamén é Galicia Calidade, a nosa maneira de vender e comprar, de relacionarnos. Confiar no consello de quen che vende a froita, os ovos e a carne de toda a vida".
A Xunta quere que de aquí a 2030 Galicia conte con 25 mercados co selo de Excelencia.