Lista de agarda para a reparación de tellados despois dos temporais
As incidencias por humidades aumentaron un 50 % nesta temporada
O mal tempo e a escaseza de man de obra atrasan as reparacións
O teléfono de Vicente bota fume desde hai semanas. A súa empresa dedícase a reparar tellados, e despois dos últimos temporais teñen traballo para todo o ano.
"Estamos que non paramos. Non damos atendido á xente. Na miña empresa somos once e temos o traballo cuberto para todo o ano. Mesmo traballamos por quendas, eu non recordo nada igual ", explica Vicente Alonso, de Vialco Impermeabilizacións.
"Todos os provedores que temos de man están desbordados, non dan feito. Temos unha complicación grande nas comunidades", engade Marta Herrero, de administración de Fincas Serga.
Pingueiras, manchas de humidade, tellas rotas, cubertas levantadas... dous meses de borrascas deixaron pegada no interior e no exterior de demasiadas vivendas.
"Tivemos millóns de chamadas con inundacións, filtracións, cubertas que voaron, mesmo houbo que desaloxar vivendas", comenta Marta Herrero.
"Os sinistros por danos por auga aumentaron esta temporada un 50 % con respecto a un inverno normal. É un dos problemas mais importantes que temos agora mesmo na xestión das comunidades", di a presidenta do Colexio de Administradores de Fincas de Galicia, Teresa Suárez Agrasar.
Dar coa orixe da humidade, atopar peritos e empresas coa axenda libre é misión complicada. Tamén faltan días secos e traballadores cualificados para subir ás cubertas.
"É difícil atopar máis obreiros porque non todos teñen a titulación en regra para cumprir a normativa. Hai unha avalancha de traballo. Están os cursos de formación cheos, as empresas a tope e aos pobres que lles chove na casa estarán fartos", lamenta Vicente Alonso, de Vialco Impermeabilizacións.
Din que están a priorizar os casos máis urxentes e piden paciencia ao resto. Falta lles fará aos que lles quedou este panorama na casa.