A fin do tren de borrascas achégase a Galicia: o anticiclón traerá sol e tempo seco desde o venres
As temperaturas poderán rozar os 20 ºC, especialmente nas Rías Baixas e outras zonas do litoral galego
O anticiclón dos Azores instaurarase "con forza" desde o venres e deixará tempo seco e ceos abertos, polo menos, ata o martes
a borrasca Pedro deixou este mércores refachos de máis de 150 km/h
O temporal obriga a desviar varios voos e a pechar parques en varias localidades
O anticiclón dos Azores instaurarase "con forza" en Galicia desde o venres e deixará tempo seco e ceos abertos, polo menos, ata o martes. Este escenario meterolóxico traerá o sol de volta e poñerá a fin ao tren de borrascas que ocasionaron choivas persistentes e importantes incidencias durante todo o mes de xaneiro e boa parte de febreiro.
A xornada deste mércores aínda está marcada por unha choiva intensa e refachos fortes de vento asociadas á borrasca Pedro. Segundo os datos recollidos por Meteogalicia, O Xistral, na localidade lucense de Muras, rexistrou refachos de vento de 154,6 km/h. Tamén en Vimianzo notificáronse refachos de ata 142,8 km/ h, e en Ortigueira de 124,5 km/h.
En canto ás choivas, na localidade coruñesa de Lousame rexistráronse precipitacións de 47,2 litros por metro cadrado, mentres que en Santa Comba a cifra situouse en 43,8 l/m2 e en Cuntis, 39,6 l/m2.
"A partir do xoves, imos ir quedando influenciados polo anticiclón dos Azores. Podemos ter algún chuvasco pola mañá, pero xa teremos unha serán de tempo seco", explicou Joel Cid, meteorólogo en Meteogalicia, a Europa Press.
Será o venres cando o anticiclón se fará notar "con forza", o que se traducirá en tempo seco en toda Galicia e en ceos abertos. Tamén ocasionará néboas en comarcas do interior, que localmente poden ser persistentes e que afectarán especialmente os vales do Miño e do Sil.
En canto ás temperaturas, irá frío pola noite e nas primeiras horas da mañá, coa probabilidade de xeadas. As máximas estarán en ascenso e esta fin de semana poden achegarse mesmo aos 20 ºC ou superalos; sobre todo, nas Rías Baixas, aínda que tamén noutra zonas do litoral e, puntualmente, algunha do interior.
Meteogalicia marcou o martes como "día de corte": "O anticiclón durará como mínimo ata ese día". Para entón espérase unha pequena vaguada e, a última hora, algunha precipitación. Con todo, Cid matizou que, a unha semana vista, aínda é pronto para dar unha predición detallada e precisa.