O Carballiño saborea a Festa da Cachucha
A última cita do entroido enche a vila de comparsas e carrozas
Os restaurantes e mesóns ofrecen cachucha como prato principal
Un folión tocando o seu rítmico compás ás portas da Veracruz... Un barco de guerra sobre o asfalto, preparado para a última arribada deste entroido... Os incombustibles galos de Astérix preparándose para unha enchente de xabaril...
A loucura do entroido apoderouse do Carballiño no día da Festa da Cachucha, unha cita imprescindible que nin o sol quixo perder.
"Un día espléndido. Quen o ía dicir despois de todo o que pasamos. Renacemos!", di unha das participantes.
Ao longo de todo o día, as comparsas e carrozas percorren a vila do Arenteiro levando a animación do entroido por cada rúa, por cada praza. Entre eles, a agrupación máis lonxeva. Unha trintena de liborianos que acoden á cita desde hai máis de setenta anos.
José Andrés Puga, director da charanga Os Liborianos: "Para nós é o máximo. Estamos todo o ano esperando polo día do carnaval e se chove pasámolo mal".
E para repoñer forzas, ferven as potas nos restaurantes da vila. É a festa da cachucha, o elemento principal dun cocido ben equipado.
"É o prato principal, a cachucha, pero tamén lle metemos rabo, touciño, orella...", di César Álvarez, un dos hostaleiros da vila.
Un fin de festa á altura dos máis entroideiros.