Santiago vístese de Entroido para evindenciar a riqueza antropolóxica de Galicia
Unhas 500 persoas desfilaron ataviadas con máscaras, traxes e personaxes de 25 celebracións tradicionais
Maragato ribeirao, de Chantada. EFE/Xoán Rey
Turistas, camiñantes e residentes concentráronse este sábado dende o mediodía na praza do Obradoiro para contemplar unha escena pouco habitual: o Entroido galego en pleno setembro.
O desconcerto inicial deu paso rapidamente á curiosidade. Quen agardaba atoparse coa estampa habitual da capital galega bateu con máscaras, traxes e personaxes tradicionais dunha festa con moito raigame en todo o territorio.
Medio milleiro de persoas, representantes dalgunhas das celebracións máis singulares de Galicia, desfilaron polo centro da zona vella para evidenciar a súa diversidade.
Desde Ourense chegaron os soados entroidos de Xinzo de Limia, Verín, Viana do Bolo, Laza, Manzaneda, Maceda e Vilariño de Conso.
Con eles marcharon as Bonitas de Sande, os Vellaróns do Riós, os Follateiros de Lobios, os Felos e Madamas de Esgos, as Madamitas e Madamitos de Entrimo ou os Cabreiros de Muíños.
Xenerais da Ulla. EFE/Xoán Rey
A representación territorial completouse con expresións procedentes do resto das provincias. Desde A Coruña e Pontevedra chegaron os Xenerais da Ulla, as Madamas e Galáns de Cobres, o Enterro da Sardiña de Marín e os Mudados de Ribadetea.
De Lugo participaron, entre outros, o Entroido de Foz e o Ribeirao de Santiago de Arriba, procedente de Chantada. Non faltaron tampouco os Galos da Mezquita, o Entroido de Mugares, o Fulión de Buxán, o Touro e Xigante de Celavante ou os Samede de Paderne.
Todo un tesouro antropolóxico de rituais ancentrais, tradicións locais, personaxes singulares, músicas propias e indumentarias artesanais con conservado en gran medida grazas ao pobo.
Follateiros de Lobios. EFE/Xoán Rey
Turistas entre peliqueiros e follateiros
O Entroido é por definición unha festa vinculada á transgresión, a inversión das normas e á participación colectiva. En Galicia, ademais, é unha tradición que sobrevivu a anos de prohibición e que chegou aos nosos días con especial forza en Ourense.
A participación é uns dos seus sinais de identidade. O traxe non é só un elemento ornamental, senón unha invitación a formar parte da festa. Quen se achega sen caracterizar, pode converterse en obxectivo de burla, lategazo, baño de fariña ou rolda de viños.
Con todo, a proposta deste sábado, promovida por Turismo de Galicia, busca evindenciar a diversidade e autenticidade destas celebracións e, ao mesmo tempo, utilizar o Entroido como atractivo, afastado das súas datas tradicionais.