As Bonitas de Sande, convidadas a participar no Festival de Máscaras Danzantes de México
O entroido ancestral desta pequena aldea do concello de Cartelle será o único representante español neste evento internacional
As Bonitas, xunto co oso e a vaca, persoeiros centrais do entroido de Sande, xa participaran nun festival en Bulgaria
Un entroido tradicional, único, que se celebra nunha pequena aldea do concello ourensán de Cartelle, estará no festival de Máscaras Danzantes de México, un dos certames máis importantes a nivel internacional. As Bonitas de Sande serán as únicas representantes de España, país convidado na edición deste ano.
A poucas horas de coller o avión, hai unha mestura de nervios e emoción á hora de preparar as maletas para cruzar o Atlántico. Hai que facer equilibrios para empaquetar os personaxes centrais do entroido de Sande, o oso, as máscaras das Bonitas e a vaca.
"Tivemos que buscar maletas grandes. Tivemos que meter a pelica do oso, as máscaras e plumas das Bonitas e a vaca. A vaca tivemos que quitarlle os cornos e dobrarllos cun mecanismo, apra que puidera entrar na maleta", sinala Antonio Rodríguez, que viste o disfraz de Bonita e un dos membros da Asociación Cultural As Bonitas de Sande.
Esta localidade do municipio de Cartelle celebra un dos entroidos máis ancestrais e singulares de Galicia. A súa sona levounos ata o festival de Bulgaria e agora foron convidados nada menos que polo festival Máscaras Danzantes de México, que ten lugar o 13 e 15 deste mes na localidade de Orizaba.
"Con moito orgullo, porque non o esperabamos. Xa fomos a Bulgaria e a raíz daí, convidáronos a México. E para nós, canto máis viaxemos, mellor!", di Isolina Rodríguez, membro da asociación, que leva o disfraz de Bonita e integrante da expedición.
A viaxe ten a súa complexidade. Mesmo teñen que levar certificado zoosanitario polas plumas de galiña dos gorros, a pelica de ovella do oso e os cornos da vaca. 16 veciños de Sande participan na expedición. Tiveron que pagar os seus billetes. A estancia vai por conta da organización.
"Apuntouse quen puido, porque hai que contar que económicamente é gravoso (a viaxe ida e volta a México custa uns 1.500 euros). Ademais hai que ter tempo tamén, porque estaremos alí unha semana", comenta Antonio.
Con orgullo levarán ata o Novo Mundo o ancestral entroido dunha pequena aldea galega.