Foliada de entroidos na parroquia de Armariz de Nogueira de Ramuín
Algunhas das máscaras máis emblemáticas do entroido ourensán déronse cita, esta tarde, na Foliada de Armariz, no concello de Nogueira de Ramuín
Pantallas, felos, peliqueiros e fulións animaron as rúas da aldea na quinta edición da irmandade de entroidos
"Aínda que fóra de tempo, tiñamos unha conta pendente: ensinarlle a nosa tradición aquí a toda esta xente".
O fulión da Mourela pra Acá, de Manzaneda, pide permiso para arrincar a foliada.
"Traemos diferentes entroidos para que a xente maior da zona os poida ver", resume David González, organizador da xuntanza.
De podelos ver e de interactuar con eles, porque os felos de Maceda, os máis pícaros, meten a todos na festa, mesmo aos que están agora mesmo do outro lado da pantalla. "Somos os trasnos do entroido. O que facemos é xogar, bailar coa xente...", explica un dos felos.
En Armariz coincidiron con outros felos, os de Esgos, que mantiveron vivo o entroido nas aldeas durante a dictadura.
"Na parroquia do mosteiro de San Pedro de Rocas. Adoitaban saír no entroido e ían polos galiñeiros, facendo trasnadas", cóntanos un felo de Esgos.
Tamén viñeron as pantallas de Xinzo, os peliqueiros e parrafóns de Campobecerros e os vellaróns de Riós.
Os veciños recíbenos coa mesa posta e os entroidos obséquianos coas súas tradicións.