Descarrila en Sevilla un tren de mantemento e provoca o corte dunha liña de proximidade
No tren viaxaba só o maquinista, que resultou ileso
Arquivo. Tren visto dende a estadción Padre Pío Palmete, Sevilla. Google Maps
O descarrilamento dun tren de traballos de mantemento en Sevilla provocou o corte dunha liña de proximidade, sen que se rexistrasen feridos, segundo informou o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif).
Nas súas redes sociais, Adif sinalou ás 21.40 horas que a circulación estaba interrompida na liña C4 do núcleo de proximidade de Sevilla pola saída dos eixes dun tren de traballos de mantemento na zona da Negrilla.
A saída de eixes refírese a un tipo de descarrilamento leve no que unha ou varias rodas dun eixe dun vagón, locomotora ou tren perden a súa posición sobre os carrís e saen da vía, sen que o vehículo chegue a envorcar.
Fontes da empresa pública concretaron que o suceso se produciu ás 20.40 horas na estación de Padre Pío Palmete, ao descarrilar un tren de traballo no que só viaxaba o maquinista, que resultou ileso.
O convoi transportaba varios vagóns baleiros de material e descarrilou por causas que se descoñecen durante unha manobra.
Polo momento, a citada liña de proximidade permanece cortada. O seu percorrido circular conecta a estación de Santa Justa, punto de inicio e final, co Palacio de Congresos, Padre Pío-Palmete, o Hospital Virgen del Rocío e San Bernardo.
Adif informa de que está a traballar para resolver esta incidencia coa maior brevidade posible.