Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cuba anuncia a excarceración de 51 presos tras un acordo co Vaticano

Cuba anuncia a excarceración de 51 presos tras un acordo co Vaticano

A Habana afirma que se trata dunha decisión soberana, que enmarca no espírito de boa vontade e de estreitas e fluídas relacións entre o Estado cubano e o Vaticano

O ministerio de Exteriores cubano sinala que indultaron 9.905 presos desde 2010 e excarceraron outros 10.000 nos últimos tres anos

Europa Press/Matteo Nardone Europa Press/Matteo Nardone
G24.gal 13/03/2026 08:37

O Goberno de Cuba anunciou este xoves a excarceración nos próximos días de 51 presos.

A decisión anunciouse nun momento de fortes presións de Washington á Habana e a horas dunha inusual comparecencia do presidente de Cuba Miguel Díaz-Canel, convocada para este venres.

Segundo explicou nun comunicado o Ministerio de Relacións Exteriores (MINREX), todas estas persoas cumpriron unha parte significativa da pena e mantiveron  unha boa conduta en prisión.

A Habana afirma que se trata dunha decisión soberana, que constitúe unha práctica habitual no sistema de xustiza penal cubano. Enmárcaa no espírito de boa vontade e de estreitas e fluídas relacións entre o Estado cubano e o Vaticano.

A ONG Amnistía Internacional (AI) critica a opacidade do anuncio, por non vir acompañado dunha lista de beneficiados nin explicacións sobre a modalidade de liberación.

En xaneiro de 2025 o Goberno cubano anunciou a liberación gradual de 553 persoas sancionadas tras un acordo entre A Habana e a administración xa saínte do presidente dos EUA Joe Biden, con mediación do Vaticano. A cambio, Washington sacou a illa da lista de países patrocinadores do terrorismo, unha sanción cun forte impacto financeiro para Cuba.

As excarceracións no sistema cubano non son indultos, senón un beneficio que permite ao preso saír do centro penal aínda que a pena non estea extinguida (unha medida que queda condicionada ao cumprimento de certos requisitos durante o tempo restante da condena).

Segundo cifras do MINREX, desde o ano 2010 o Goberno cubano indultou 9.905 reclusos, mentres que no últimos tres anos outros 10.000 presos foron excarcerados por diferentes beneficios.

O anuncio desta excarceración prodúcese nun momento crítico para a illa. Washington leva meses apertando o Goberno cubano na procura dun cambio e chegou a impoñerlle un asedio petroleiro que está a asfixiar o país. Tras as intervencións dos EUA en Venezuela, a captura do presidente Nicolás Maduro e o intenso bombardeo en Irán, a presión elevouse sobre Cuba, á que a administración Trump sinala como próximo obxectivo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade