Publicador de contidos

Publicador de contidos

O brent supera xa os 100 dólares e Wall Street baixa un 1,5% tras as ameazas de Khamenei

O brent supera xa os 100 dólares e Wall Street baixa un 1,5% tras as ameazas de Khamenei

O barril de petróleo subiu este xoves máis dun 9%,  é o prezo de liquidación máis alto desde o inicio da guerra en Ucraína en 2022

O novo líder supremo de Irán desafía os EUA e chama a manter o peche de Ormuz

O prezo segue subindo malia o anuncio da Axencia Internacional da Enerxía de sacar ao mercado 400 millóns de barrís das reservas estratéxicas. Reuters O prezo segue subindo malia o anuncio da Axencia Internacional da Enerxía de sacar ao mercado 400 millóns de barrís das reservas estratéxicas. Reuters
G24.gal 12/03/2026 20:43

O barril de petróleo de brent para entrega en maio subiu máis dun un 9 % este xoves e situouse por encima dos 100 dólares ao peche da sesión do mercado de futuros de Londres despois de que o novo líder supremo iraniano, Mojtaba Khameneí, dixese que o peche do estreito de Ormuz debe prolongarse.

O cru do mar do Norte, de referencia en Europa, pechou a xornada no Intercontinental Exchange londiniense en 100,46 dólares, o seu prezo de liquidación máis alto desde o inicio da guerra en Ucraína en 2022 e un 9,22 % superior que ao remate da sesión anterior, cando finalizou en 91,98 dólares.

O brent seguiu a súa tendencia alcista e superou a marca dos 100 dólares ao peche por primeira vez en catro anos ante o temor dos investidores dunha interrupción continuada da subministración en Oriente Medio en plena escalada bélica na rexión, despois de que Irán elevase o ton contra os Estados Unidos e Israel e dese a entender que a guerra se estenderá.

Na súa primeira mensaxe como novo líder supremo da república islámica, Khameneí chamou a manter pechado o estreito de Ormuz, un paso estratéxico controlado por Irán polo que transita o 20 % do fluxo marítimo de cru a nivel globa, ameazou ás bases militares de Estados Unidos en Oriente Medio e asegurou que o "sangue dos mártires será vingado".

Neste estreito entre o golfo Pérsico e o golfo de Omán, durante a pasada madrugada tres barcos foron atacados por Teherán fronte ás costas de Iraq e Emiratos Árabes Unidos, o que eleva a 16 os buques que sufriron danos desde o inicio dos bombardeos.

O ouro negro gañou terreo mesmo despois de que os 32 países membros da Axencia Internacional da Enerxía anunciasen a véspera que van sacar ao mercado 400 millóns de barrís das súas reservas estratéxicas para compensar as perdas de abastecemento pola interrupción do tráfico marítimo polo estreito de Ormuz.

Esta é a maior liberación de reservas desde a fundación da organización en 1974, pero a decisión apenas impactou no prezo do cru pois o mercado segue tendo dúbidas de se será suficiente para compensar as perdas acumuladas en trece días de guerra.

De acordo con  Axencia Internacional da Enerxía, a interrupción do tráfico marítimo polo estreito de Ormuz provocou a perda no mercado do equivalente a 10 millóns de barrís diarios, dixo a axencia este xoves no seu informe, onde tamén avalía posibles roteiros alternativos para sacar o petróleo do golfo Pérsico.

Caída de Wall Street

 Wall Street pechou en vermello este xoves, e o seu principal indicador, o Dow Jones de Industriais, caeu un 1,56 % ante a escalada do prezo do petróleo e das tensións no estreito de Ormuz, despois de que o líder supremo iraniano, Mojtaba Khameneí, ordenase que permaneza pechado.

Ao peche do parque neoiorquino, o Dow Jones perdeu 739 puntos, ata os 46.677; o selectivo S&P 500 baixou un 1,52 %, ata os 6.672 enteiros; e o tecnolóxico Nasdaq restou un 1,78 %, ata as 22.311 unidades. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade