Ence obten 24,7 millóns do Perte de Descarbonización para a súa planta das Pontes
A compañía di que a fábrica das Pontes será unha instalación "pioneira" para producir fibra reciclada branqueada a partir de papel e cartón recuperados
As instalacións situaranse nos terreos industriais da antiga central térmica de carbón das Pontes
Europa Press (Arquivo)
Ence Enerxía e Celulosa obtivo 24,7 millóns de euros do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) de Descarbonización Industrial para o seu proxecto de bioplanta de fibra reciclada branqueada nas Pontes.
A empresa explicou nun comunicado, que esta achega se enmarca na convocatoria para industrias manufactureiras altamente eficientes e descarbonizadas. A compañía lembrou que o pasado mes de agosto, a Xunta outorgou á planta a Autorización Ambiental Integrada (AAI), un "fito moi relevante" tanto para o proxecto como para a empresa.
Segundo explica, As Pontes será unha instalación "pioneira" a nivel mundial para producir fibra reciclada branqueada a partir de papel e cartón recuperados. "Desta forma, a compañía dá unha nova vida a estes materiais, aliñándose plenamente coa economía circular", reivindicou.
A fábrica utilizará enerxía renovable
"No deseño deste proxecto, o primeiro en Europa no que se fabricará fibra reciclada branqueada a partir de papel e cartón recuperado, tívose en conta o compromiso de Ence coa independencia enerxética. Así, a planta se autoabastecerá de enerxía renovable, xerada a partir de subproductos da industria forestal local e non empregará combustibles fósiles", engadiu.
O proxecto sitúase nos terreos industriais da antiga central térmica de carbón das Pontes, "constituíndo un exemplo tanxible de transición xusta e de contribución ao desenvolvemento sostible da comunidade local".